A Rosalía combativa tomou a palabra en Pontevedra

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA

PONTEVEDRA CIUDAD

María Hermida

O acto «Cantare, galegas» reivindicou o feminismo e a loita de muller da autora de «Follas novas»

24 feb 2019 . Actualizado a las 20:52 h.

Di a cantante Ugía Pedreira que cada vez que Luís Bará lle chama para que faga algunha intervención artística en Pontevedra, por unha cousa ou por outra, a vida acáballe cambiando. Parece unha esaxeración. Pero pode que Ugía se quede curta. Porque a intervención que fixo esta mañá no Sexto Edificio do Museo, go callo do Día de Rosalía de Castro, foi desas capaces de cambiarlle a vida a todos un pouquiño, e para ben. Ugía empezou con esa todopoderosa forza que ela ten, coa súa verba decidida, forte e segura. Denunciou a Galicia afogada polos eucaliptos para viaxar logo ata Rosalía de Castro, para reivindicala, con música e coas súas letras, como a muller combativa que foi. Fixo rir e tremer ao público que, por certo, encheu todas as cadeiras dispoñibles e aínda fixo cola de pé para asistir ao acto.  

Antes de que Ugía fixese a súa aparición, xa falara Eva Mejuto. A escritora e xornalista foi a encargada de ler un texto escrito por Ana Romaní no que tamén se reivindicou a figura da Rosalía máis loitadora, da que rompeu moldes ao atreverse a escribir sendo muller e facelo, ademais, en galego. 

O acto terminou da mellor das maneiras posibles, coas compoñentes do grupo A banda da loba sobre escenario poñendo música a letras de mulleres poetas contemporáneas e, como non, traendo tamén ao presente textos de Rosalía de Castro.