«A xente sigue pensando que o da nosa retirada é unha coña»

PONTEVEDRA CIUDAD

miguel souto

Nao, o icónico grupo do metal galego, trae a Pontevedra a súa xira de despedida co disco «Ata que o lume se apague»

04 feb 2019 . Actualizado a las 20:37 h.

Inmersa na xira de despedida, Nao, un icono do metal galego recala este sábado na sala Karma. «Levamos catorce anos. A xira a empezamos en decembro en Compostela e a partir do 18 de xaneiro estamos facendo salas pequenas para chegar a cantos máis puntos de Galicia mellor», resalta Pablo Carracedo, Jasper, voz e guitarra no grupo.

-Vos retirades no momento de máis éxito, cando máis xente estades a mover...

-Si. Falaba con Eladio Santos da Fábrica de Chocolate e non comprendía a situación. «Pero, ¿levádevos mal?», preguntaba. Non. As bandas adoitan desfacerse por liortas internas ou porque non cumpren os obxectivos que se marcaron. Nos, ao contrario. Estamos moi satisfeitos do que foi esta aventura e decidimos facelo estando no máis alto para manter o esforzo que víñamos facendo ata o de agora. Ter un grupo como Nao supón un sacrificio moi potente e non queríamos renunciar a calidade e que fora, pouco a pouco, rebaixándose para acabar saíndo pola porta de atrás. Todo ten un principio e unha fin. Cando o anunciamos pensáramos que xa tocáramos teito, pero o grupo seguiu acumulando xente, facendo bos discos e, a día de hoxe, segue medrando. A nosa meta era esta, non ter teito de cristal e seguir medrando ata acabar.

-E como agasallo de despedido, un novo traballo discográfico, «Ata que o lume se apague», co que pechades a triloxía «Apocalipse NAO».

-Queríamos facer tres discos de despedida. Por problemas de tempo, xuntáronse os dous primeiros, «Soñar» e «Crear», e a xente non chegou a comprender a filosofía do que estábamos explicando cando anunciamos a despedida no 2015. Foron dous maxis e queríamos irnos cun disco máis longo para o que tivemos moito máis tempo para preparalo. Creo, así o din as críticas polo menos, que é o noso mellor disco.

-A pesar deste éxito, ¿o mundo do rock en galego segue a ser complicado?

-O mundo da música, en xeral, é complicado, pero é moito máis sinxelo e doado do que era fai anos. Evolucionamos moitísimo para mellor e hai moita máis profesionalización. A día de hoxe, movémonos como banda profesional cotizando, incluso, como empresa. Hai anos era impensable, más cantando en galego. Nao e outras bandas abrimos moitos espazos e a escena facilitándolle a labor aos grupos que veñen detrás. Estamos alucinando coa cantidade de xente que está vindo á xira e estamos vende moito cariño. E xente que está vindo por primeira vez a vernos, que é algo que sorprende.

-Cada día, ¿cantas veces vos din que non vos retiredes?

-Moitas veces. A xente sigue pensando que é unha coña. Os mozos non din nada, tal vez por respecto porque nos ven maiores, pero os que nos rompen a cabeza son os de 40 ou 50 anos. Estes si que non queren que nos retiremos. A xente da nosa quinta é a que di iso de que «non, isto non pode ser». Son os que nos dan a tabarra.

-¿Votando a vista ao 2005 que pensa?

-Cando empecei tiña 25 anos e agora teño 40. Pasou de todo. Si miro cara atrás, sinto mogollón de orgullo polo que fixemos e construímos ao redor do grupo. E que cambiou a escena moitísimo. Non pensábamos chegar ao que chegamos.

-¿E o concerto do sábado?

-Vai ser un concerto longo. Abre unha banda que se chama Grilo e quixemos apadriñalos. Imos repasar a discografía e moitos temas do novo traballo. Hai un bloque que facemos en acústico, levamos colaboracións. É un repertorio que está a funcionar nas salas.