O Pazo acolleu a Gala dos Medios en Galego

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

CAPOTILLO

Presentada por Mónica Martínez contou coa participación de Touriñán, Kiko da Silva ou Eva Mejuto

02 feb 2019 . Actualizado a las 20:09 h.

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu onte a segunda edición da gala organizada pola Amega (Asociación de Medios en Galego). A gala, conducida por Mónica Martínez, contou coas actuacións do humorista Xosé Antonio Touriñán e da cantante Ugia Pedreira. Trátase dun evento que conmemora que o 7 de febreiro de 1876 saíu á rúa o primeiro xornal escrito integramente en galego, O tío Marcos da Portela.

Con este acto, a Amega pretende chamar a atención chamar a atención sobre o Día dos Medios en Galego e difundir o coñecemento daquel primeiro xornal en galego «como iniciativa pioneira e innovadora pola temática, polo uso do humor e polos xeitos de distribución». Tamén búscase visibilizar os actuais medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade próxima, así como animar os restantes a empregaren máis o idioma propio de Galicia.

Na gala de onte interviñeron, entre outros, Xaime Iglesias, da Asociación Cedofeita; a escrita Eva Mejuto; e o debuxante Kiko da Silva. Tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, quen comparou a evolución vivida polo galego nos medios de comunicación. «Houbo un momento -lembrou- en que mesmo os galegofalantes mostraban pouca disposición e alegaban dificultades para ler o xornal en galego, unha lingua na que non foran alfabetizados». En cambio, a situación ten mudado notablemente, tal e como subliñou o secretario xeral, xa que «hoxe en día, coa xeración mellor formada da historia no idioma propio de Galicia, estamos ante outro tempo novo cheo de oportunidades para espallarse e medrar, para informar en galego do máis afastado tan ben como calquera outro medio do mundo e, do máis próximo, como ninguén».

Para o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, «os medios en galego son fundamentais para a pervivencia da propia cultura galega, da información en clave galega e tamén para a creación de postos de traballo de xornalistas na nola propia terra».