Sobre a feminización do noso rueiro

Carmen Moreira. Concelleira de Marea Pontevedra

PONTEVEDRA CIUDAD

02 feb 2019 . Actualizado a las 16:09 h.

Marea Pontevedra sempre adoptou un compromiso firme e consciente, e máis tamén reiterado, coa nosa memoria democrática e,  en particular, coa memoria da mulleres. Nos plenos do noso concello sempre defendemos e apoiamos todas e cada unha das propostas que tanto o grupo de goberno como outras forzas políticas presentaron para salvagardar a memoria de todos os homes e mulleres que defenderon a causa da liberdade e, con ese ánimo, Marea Pontevedra tamén apostou polo acordo plenario que no seu día aprobou situar nomes femininos en distintos espazos da cidade.

Mais nesa mesma xornada plenaria tamén chamamos a atención que na listaxe presentada polo grupo do BNG deslizábanse graves erros biográficos, incluíanse nomes faltos de ponderación, e, o que era peor, ausencias flagrantes que nós, colaborativas, axudamos a corrixir. Os nomes de Amalia Álvarez, Virginia Pereira ou Enma Mourón, entre outros, non figuraban, pese a súa importancia capital para a nosa historia contemporánea, na relación de nomes merecentes de rúas ou prazas daquela aportada polo grupo de goberno.

Aínda así, con criterio democrático, apoiamos que os nomes e apelidos de mulleres  chegasen con normalidade a noso rueiro e mesmo contribuímos a que se solventase algunha das ausencias, caso de Amalia Álvarez, despois de que chamáramos a atención de que non se contemplaba a figura da viúva de Alexandre Bóveda.

Quede claro que, á vez que amparamos a proposta que nace do grupo de goberno, debemos facer unha crítica do seu repetido modo de actuar. Falta de diálogo, propostas pechadas, ausencia de argumentación independente, e, se cadra máis grave, negación absoluta de aceptar o que outros grupos aportan.

Nós propuxemos, desde a lealdade a nosa historia recente e ao seu papel como muller ligada ao mellor do noso movemento obreiro, que unha destas rúas levase o nome de Enma Mourón, compañeira de Manuel García Filgueira, o perseguido, como a propia Enma, alcalde de Pontevedra en 1936. Non nos deron a mínima oportunidade e aplicouse un modelo de negociación que significa non máis que un contundente “non hai nada que negociar”. Unha actitude que de seguro non lle gustaría nada,e criticarían, xusto ás mulleres que, con razón, se queren homenaxear. María Vinyals, marquesa de Ayerbe, incluída.

Ante a proposta de dar nome de muller a rúas que ocupan o espazo que antes asentara a factoría Tafisa, non podemos esquecer que ese lugar, entre 1936 e 1939,  foi un sinistro paraxe onde foron executadas numerosas persoas. Nese sentido, apostaríamos porque as que mereceran a honra dunha rúa nese emprazamento, xunto a Enma Mourón, fosen mulleres como Elvira Lodeiro González ou Consuelo Acuña Iglesias, exemplos das asasinadas en Pontevedra neses indignos días do 36.

Con todo, e a pesar de posturas impositivas, o noso apoio, como reiterabamos ao comezo, sempre será claro e inequívoco e, desde Marea Pontevedra, camiñaremos sempre con elas todas, os seus descendentes e, sobre todo, a súa memoria.