O neto de Nemesio ao que sempre lle soa a frauta

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

O seu avó é ferreiro e el, frautista internacional, di que fai algo tamén co metal: «Vivir de soprar por un tubo»

19 ene 2019 . Actualizado a las 08:00 h.

Suponse que hai que saber de onde vimos para ter claro cara onde imos. Esa materia tena superada o frautista Adrián Silva, ao que cando se lle pregunta de onde é resposta: «Son de Barro, da Portela, son o neto de Nemesio o ferreiro». Efectivamente, naceu Adrián Silva pegado á forxa do avó, e algunha vez ca outra andou a voltas cos ferros. Pero moi pronto, xa de meniño, descubriu que as súas mans servían, en lugar de para martelar, para acariciar os metais. Porque xa de neno se fixo frautista e empezou «a soprar por un tubo». Agora peitea os 34 anos e é frautista profesional en A Coruña, aínda que continúa ligado á súa primeira formación, á Banda Xuvenil de Barro. Falar con el é facelo cunha persoa namorada da música. Pero tamén da cultura e, sobre todo, do seu pobo. «Eu aquí son feliz», di referíndose a Barro.

Todo empezou con seis anos. Nacía entón a Banda Xuvenil de Barro e Adrián Silva convertíase nun dos seus compoñentes. E, como el conta, non é que lle encantase a frauta, senón que lle tocou no reparto de instrumentos: «Antes non se adoitaba elixir, se facían falta frautistas, tocabas a frauta e se facía falta outra cousa... pois tocabas outra cousa. Máis ou menos era así». O conto é a que a el lle gustou a frauta. Gustoulle tanto que nunca se desvinculou da banda de Barro e con ela viviu, aos oito anos, o seu debut sobre o escenario: «O primeiro concerto foi o día de Nadal. Foi algo moi espectacular, nunca o esquecerei».

Pronto se matriculou no conservatorio de Pontevedra e logo no de Vigo. Curso todos os graos de frauta e nunca tivo dúbidas de que o seu futuro si ou si pasaba pola música. Nun momento dado pensou en facer Maxisterio, chegouse a anotar, pero pronto o deixou: «Fun a clase soamente un mes, xusto cando non había conservatorio, despois sempre estiven co tema da música».

Presidente en Pontevedra

Entrou logo a formar parte da banda de música de Pontevedra. Di que foron uns anos «moi proveitosos». Foi tamén presidente desta formación, así que lle tocou tratar coas Administracións, organizar concertos, etcétera. «Moitos trámites e moita implicación pero tamén moitas satisfaccións», di para resumir este período. A voz emociónaselle cando recorda o que lle ocorreu no 2009. Foi seleccionado para tocar nunha banda internacional que se crea cada dous anos para tocar nun congreso que se vai celebrando en distintos países do mundo. A el tocoulle viaxar con músicos das catro esquinas do planeta ata Cincinnati (Estados Unidos). «A verdade é que foi unha experiencia moi boa, supoño que como cando aos xogadores de fútbol os chaman para ser internacionais», di entre risas. Logo conta como foron eses concertos: «Alí descubrías que é certo que a música é o idioma universal, porque era imposible que os músicos tiveramos conversas entre nós, non nos entendiamos apenas, pero cando subiamos ao escenario funcionabamos conxuntamente de forma perfecta. Aínda gardo amizades daquela experiencia, manteño contacto cun artista de Colombia e outro de Israel».

Non foi a única experiencia como frautista polo mundo adiante. Tamén pasou unhas probas para formar parte dunha banda europea que fixo unha xira por países como Holanda, Bélxica e Luxemburgo. Todas estas experiencias, loxicamente, foinas trufando cos seus intentos por buscar un traballo relacionado coa música. Di que non lle entusiasmaba a docencia, que o que buscou sempre era poder vivir de tocar. E de momento logrouno.

No ano 2005 desembarcou en A Coruña. Presentouse a unhas oposicións para ser funcionario interino da banda municipal de A Coruña. E dende entón ese é o seu traballo. «Non podo estar máis contento, é unha formación cun nivel moi alto e que me permite cumprir o soño de vivir da música. Ensaiamos todos os días. E despois temos dous concertos ao mes, sempre en A Coruña, onde o público nos apoia e onde é moi agradecido tocar». Vive feliz na cidade herculina. Pero varias tardes á semana e todas as fins de semanas pon rumbo a Barro. A terra tira. A terra manda.