Gaitas de Forcarei e ballet no gran concerto da Filharmónica

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

CAPOTILLO

As entradas para o espectáculo que terá lugar no Pazo o 1 de xaneiro xa están á venda en Internet

18 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O día de primeiro de ano é un día musical. Pola mañá hai que prender o televisor e sentir envexa dos afortunados que poden estar en Viena escoitando o concerto de aninovo da Orquesta Filarmónica de Viena. ¿Quen non ten vibrado no sofá mentres a Marcha Radetzky soa imparable? Nalgunhas cidades, como en Pontevedra, pola tarde hai ocasión de seguir gozando da música. E, enriba, de facelo con música en directo e de calidade. Trátase, loxicamente, do concerto de aninovo da Orquestra Filharmónica de Pontevedra, que levantará o pano da programación do Pazo da Cultura para 2019. A cita é ás 19.30.

Como a música, este concerto sempre está en movemento. E cada ano ofrece algo novo. Nesta ocasión, acompañando aos músicos da orquestra, no escenario estará a Banda de Gaitas de Forcarei e os solistas Silvia Ferrer (voz), Josele (gaita) e Margarita Guerra (castañola). Igualmente, como sucedeu en anos anteriores, tamén formarán parte do espectáculo os membros do Ballet Norte.

A primeira parte do concerto será, segundo se dixo onte na presentación, está dedicado á cultura galega. Para a segunda resérvase un viaxe a Viena, que dirixirá o director convidado José Manuel Romero Llopis. Onte sinalouse que haberá sorpresas e que este ano se notará especialmente a interacción co público. Os que queiran mercar entradas poden facelo dende xa en ataquilla. com. A partir do 21, tamén na Casa da Luz.