«Ti levas o compás na Culturgal!»

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

CAPOTILLO

Máis de 80 entidades ofertarán 120 actividades na Feira das Industrias Culturais de Galicia

24 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Do 30 de novembro ao 2 de decembro • Pazo da Cultura • Culturgal volve a Pontevedra para mostrar todo o que está a acontecer no eido da cultura galega no presente e o que se está a preparar para o futuro máis inmediato. A Feira das Industrias Culturais inicia unha nova década con esta décimo primeira edición, na que o público segue a ser protagonista como consumidor de cultura. A ese público de calidade, de todas idades, vai dirixido, precisamente, o lema deste ano: Ti levas o compás na Culturgal!.

 A unha semana do evento e xa na conta atrás, onte presentouse o programa completo, que ven cargado de novidades para contribuír a incrementar a satisfacción das miles de persoas que cada ano se achegan a feira. A dixitalización, coa venda de entradas anticipadas en www.cultur.gal, e a disposición dun servizo de autobuses desde as principais cidades galegas para facilitar os desprazamentos ata Pontevedra, son algunhas desas novidades, as como tamén a incorporación do concepto gastronómico, seguindo o modelo que puxeron en marcha os festivais de música.

Máis de oitenta entidades públicas e privadas e máis de 120 actividades conforman a programación para os tres días de Culturgal, distribuída nos propios stands e nos espazos comúns: carpa, libro, deite para o público infantil, foro e arte.

O Auditorio do Pazo acollerá catro espectáculos especiais. Inversa Teatro estreará Sofía e as Postsocráticas o venres 30. Carlos Núñez recalará na feira o sábado 1 coa súa xira A irmandade dos Celtas. E para o domingo 2 hai dúas propostas seleccionadas para o público familiar: O Viravai con Paio e o poder da música e Xoán Curiel con A casa do terror.

A xornada inaugural estará máis enfocada aos profesionais, cun encontro produtores da escena galega, as asembleas de Agapi e da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, e presentación da convocatoria aberta de proxectos O teu Xacobeo. Esta edición de Culturgal será espello ademais dunha intensa e interesante produción cultural liderada por mulleres.

Arredor do libro estarán na feira escritores como Manolo Rivas, Ledicia Costas, Pedro Feijoo, Eli Ríos, Xosé Duncan, Francisco Castro ou María Reimóndez. E no espazo dedicado a Arte Contemporánea terán presenza o Museo de Pontevedra, o CGAC, a Bienal de Cerveira, o Museo Centro Gaias, e dúas exposicións de fotografía e de mulleres artistas.