O Salón do Libro revoluciona Oporto

PONTEVEDRA CIUDAD

RAMON LEIRO

A cita cultural de Pontevedra presentouse na libraría Lello, famosa por Harry Potter

05 nov 2018 . Actualizado a las 07:38 h.

O Salón do Libro deste ano -que se celebrará en Pontevedra dende o día 22 de marzo ao 12 de abril- ten como lema A Revolución e pretende tender pontes coa literatura da lusofonía. Con semellante nome e tal propósito, non podía ser presentado de maneira convencional. E non o foi. Deuse a coñecer nada máis e nada menos que na famosísima librería Lello, considerada unha das máis belas do mundo e famosísima porque se supón que as súas escaleiras inspiraron as de Hogwarts nos libros de Harry Potter. Alí desembarcou a concelleira Carme Fouces, o equipo que organiza o Salón e por suposto a queridísima mascota, o lobo Orbil para dar a coñecer a cita no país veciño. Entre todos, armaron a revolución.

Todo ocorreu a media tarde. A esa hora, como cada día, unha longuísima ringleira de persoas facían cola para entrar na libraría. O aburrimento impúñase para os que estaban a esperar unha hora ou máis para ver ese local fundado en 1869 e cheo de valor artístico e histórico. De súpeto, na cola colouse a diversión. Un lobo empezou a dar que falar. «¿E isto que é?», empezouse a escoitar. Aí estaba Orbil, saudando e facendo que todo o mundo se preguntase a que respondía a súa presenza. Xa con toda a fila pendente del, Orbil repartou doces e folletos do Salón do Libro, para invitar a os visitantes de Lello a vir coñecer Pontevedra e o Salón.

Minutos despois da aparición de Orbil, na parte baixa da libraría, tivo lugar a presentación do libro. Pero, como se trataba de facer unha revolución, tampouco foi un acto ao uso. Empezou falando a concelleira Carme Fouces, que dixo que o mundo anda algo mal e necesitamos facerlle cambio, así que é hora de que os meniños se poñan mans á obra e fagan a revolución. «E precisamos libros que lle axuden a facela, porque sen lecturas non haberá revolución», dixo. Xustificou tamén a presenza do Salón en Oporto: «Queremos tender pontes con toda la lusofonía, porque nos unen moitos lazos, porque o galego e o portugués foron o mesmo idioma, e porque esa é a literatura invitada este ano ao Salón». Tras as súas verbas, empezou a acción.

Primeiro tocoulle a quenda a Mafalda Milhoes, á que Fouces definiu como unha gran muller renacentista polas súas múltiples facetas, dende ilustradora a contadora de historias pasando por libreira e editora.

Mafalda en portugués

Mafalda narrou en portugués un conto sobre a nai do mesmísimo san Pedro, e deixou abraiados aos nenos e maiores congregados na presentación. Logo colleulle o relevo Andrea Bayer, histórica colaboradora do Salón do Libro, que trouxo ata Oporto un conto sobre unha ra de boca grande. Coas súas intervencións quedaron claras dúas cousas: que o Salón xa empezou a irmandar a Pontevedra con Portugal e que, sálvese quen poida, a revolución xa comezou. Pero, iso si, os que de verdade terán que levala a cabo será os nenos que participen na vixésimo edición do Salón. Nas súas cabezas está o futuro da cita... e do mundo.

La Voz en Oporto