O cante alentexano, con Kepa Junkera e Uxía clausura Cantos na Mare

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

14 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cantos na Maré clausura hoxe a súa décimo quinta edición cun espectáculo especial promovido pola localidade lusa de Évora dentro das accións promocionais da súa candidatura a Cidade Europea da Cultura 2027.

Trátase do proxecto denominado Ath-Thurdá, que xira arredor do cante aletexano, no que participan Kepa Junkera e os músicos portugueses Antonio Bexiga, Beatriz Nuno e Carlos Menezes. A eles uniranse no concerto desta noite Uxía, directora artística do festival, as Tanxugueiras, o brasileiro Chico César e a mozambicana Selma Uamusse, ademais de Paulo Borges no piano e Raquel Domínguez na gaita. A cita é as oito e media no Auditorio do Pazo da Cultura.

Antes desta gala de clausura, ao longo do día haberá outras actividades pola cidade. As 12 de mañá terá lugar unha visita comentada polas Ruínas de San Domingo, á que seguirá un concerto da Banda de Música de Pontevedra, acompañada polo gaiteiro Suso Vaamonde, que repasarán clásicos da tradición musical galega. E xa pola tarde, na praza da Verdura, haberá unha sesión de contacontos titulada Periplo Atlántico, a cargo de Polo Correo do Vento.

Cantos na Maré pecha así con éxito esta edición especial de tránsito cara un novo modelo aberto a máis culturas, mais xéneros e máis públicos, sen abandonar a idea primixenia da lingua como conexión de Galicia con outras países e continentes.