Unha performance de diálogo cos fondos Castelao e a recuperación do Coro Aires da Terra están entre as propostas
03 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Cantos na Maré xa é moito máis que un festival de música. Nesta nova edición converterase nun espazo para o encontro de Galicia con outros países e culturas coa achega do Museo de Pontevedra como peza fundamental da súa programación.
O director executivo do festival, Fran Rivera, xunto ao deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e máis o director da entidade museística, Carlos Valle, presentaron onte as actividades que desenvolverán conxuntamente: unha perfomance coa que rematará un percorrido polos fondos de Castelao que atesoura o Museo; un pequeno ciclo de cine sobre outras personalidades destacadas da lusofonía e senllos eventos culturais pegados á tradición musical de Pontevedra e Galicia.
A perfomance Unha faba, Unha vida é unha creación, das artistas mariñás Ugia Pedeira e Marina Oural, desenvolta a partir de conceptos que en moitos casos tamén estiveron no cerne da obra de Castelao, servirá como peche ao percorrido dos asistentes a Cantos na Maré polos fondos do político e intelectual rianxeiro gardados no Museo.
O ciclo Cinemaré servirá para presentar tres documentais vencelllados tanto á programación musical coma a algún dos países dos que proceden as músicas presentadas nesta decimocuarta edición do festival.
Aires da Terra
A presentación do Coro Aires da Terra, coa participación dos músicos Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero, será outra das actividades destacadas. Esta recuperación do repertorio e as formas da que foi a primeira agrupación coral creada en Galicia en 1883 polo gaiteiro e boticario Perfecto Feijóo, poderá escoitarse no Sexto Edificio do Museo logo dun percorrido pola colección da institución guiado por Xurxo Souto.
A Banda de Música de Pontevedra tamén estará presente en Cantos na Maré cun concerto que terá como escenario as Ruínas de San Domingos. A súa actuación será unha das actividades coas que o festival despedirá esta edición.
O novo Cantos na Maré terá lugar, por tanto, en varios espazos da cidade de Pontevedra dos días 11 ao 14 de outubro, combinando concertos de pagamento e de balde con outras actividades musicais e culturais para todos os públicos. Deste xeito inicia unha nova etapa aberta a novas culturas e novas experiencias, pasando de ser un festival dun día a outro de catro días.
Teresa Salgueiro, Chico César, Capicúa e Eva RapDiva, Wöyza; Throes & The Shine, Selma Uamusse, Bia Ferreira, Marcos Suzano, Mário Lúcio, DJ Riot, Mercedes Peón, Eladio y los Seres Queridos, Vudú, García MC & Nación Quilombo, Os Meninos e DJ Mil, so os artistas que conforman o cartel.