A Galicia «pequena» da que saen ideas grandes

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

CEDIDA

¿Coñecen Agudelo, en Barro? Se cadra non é un lugar máis. Se cadra é bo saber o que está pasando alí

20 sep 2018 . Actualizado a las 05:05 h.

Non queren que se fale delas, senón do que fan. E teñen razón. Porque quizais teñan vidas ben interesantes, pode ser. Pero o proxecto que abandeiran dende hai tres anos ben merece acaparar todas as liñas. Elas son Teresa Magariños, Ángeles Carballal, Vanesa Bermúdez e Sheila García. Amigas dos tempos do colexio e veciñas de Barro, un día paráronse a reflexionar nunha cousa que lles pasaba a elas como veciñas de Barro pero na que, seguramente, se recoñecerán moitas persoas que vivan no rural: «Os veciños de Barro atopámonos en Pontevedra de compras, vémonos en Caldas, coincidimos en Vilagarcía... vémonos en moitos sitios menos en Barro, porque faltan espazos para compartir e para facer cousas xuntos. E é unha mágoa, porque antigamente era aquí, no rural, onde se compartían as cousas», explica Sheila. Así que decidiron darlle unha cariñosa patada no traseiro á realidade e tentar cambiar as cousas. ¿Que se lles ocorreu? Formaron un colectivo, chamado Espazo 16, e presentaron un proxecto á Xunta, co nome de Especies de Espazos, que foi financiado dentro do programa Iniciativa Xove.

A idea, cando empezaron no 2016 e tamén agora, é a mesma: facer cousas na «Galicia baleira», como lle chama Sheila, é dicir, nese rural que envellece, no que cae a poboación pero que se nega a morrer sen antes botar un berro dicindo ¡aquí estou!. E niso están. O primeiro que fixeron, hai xa tres anos, foi mirar dentro da parroquia da que algunhas son naturais, en Agudelo. Repararon na vella escola das nenas, onde estudaron as súas veciñas aló polos anos setenta. A antiga aula e a casa dos mestres foran pasto do deterioro. Así que Teresa, Ángeles, Vanesa, Sheila e outros veciños que se alistaron no seu bando puxéronse mans á obra para cambiarlle a cara. Pintaron, plantaron árbores, fixeron murais... Pero non se quedaron no continente. Tamén buscaron contido. Xa nesa primeira edición -as actividades soen concentralas nunha fin de semana de setembro- reuniron en Barro a emprendedores singulares e con iniciativas no rural, dende uns mozos que tratan de restaurar unha aldea a quen elabora cervexa artesanal.

 A iniciativa callou e no 2017 volveron atreverse. Nesa ocasión, aproveitando que o Camiño de Santiago pasa por Agudelo, buscaron algo relacionado coa ruta. Por exemplo, crearon unha estrutura con palés de madeira, que pode ser entendida como bancos ou mesas, coa intención de que peregrinos e veciños os usen e compartan un pouco os espazos.

 Contan Teresa e Sheila que estaban xa moi contentas co camiño andado. Pero dáballes magoa que eses espazos que ían creando ou recuperando non tiveran demasiado uso. Así que este ano buscaron a maneira de que o mundo, polo menos o seu microcosmos, mirase cara esa escola de Agudelo. E abofé que así foi. Hai uns días celebraron alí unha nova edición do seu proxecto e tiveron dende obradoiro de cestería intuitiva ata curso de pilotaxe de drons. Escoitaron falar a emprendedores que montaron hortas ecolóxicas, aos que fan os máis diversos produtos con mel ou aos que buscan novas fórmulas para sacarlle rendemento sostible ao monte... E volveron descubrir que «hai moitísima vida no rural», como ben resume Teresa Magariños.

Tras estes tres anos, agora o Colectivo Espazo 16 quere consolidarse no calendario de setembro, seguir sumando membros e continuar redescubrindo espazos no rural, poñendo o seu gran de area para que en Barro haxa puntos de encontro que saquen o potencial que moitos veciños levan dentro. Dixéronlles nos últimos días, dada a ambición das programación que fan, que están xogando a ser cidade. Tomárono como a broma que era, xa que son conscientes da terra que pisan. Pero teñen claro que ese lugar do mundo que as viu nacer ten moito que dicir. Escribiron no seu Facebook que son «xente pequena, nun sitio pequeno, facendo cousas pequenas». Quizais, pero teñen ideas grandes.