«Pontevedra vive neste momento un ruxe ruxe de actividade económica»

O rexedor defende que os datos de desemprego non son tan malos e que se hai locais pechados é pola especulación


Pontevedra / La voz

Fala Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga, 1954) da cidade, do seu traballo e do curso político que acaba de empezar. Pero a conversa pronto xira cara o económico e o emprego.

-Din vostede que vai ser un curso político transcendental. ¿É porque estamos a oito meses das eleccións?

-Vai ser transcendental polo volume de traballo que temos. Non sei por que ao final coinciden xuntas todas as obras nas que levamos traballando anos. A xente que non sabe de administración pública pensa que hai algún tipo de maquiavelismo para que coincida todo ao final do mandato, pero no é así. A min gustaríame ter todas as obras feitas, inauguradas un ano antes.

-Fala vostede de que está a ser un mandato inversor, pero as obras non se ven.

-Mira, en deportes imos gastar dez millóns entre campos de herba sintética, reforma do pavillón, do multiusos, eventos... E se sumamos outros dez millóns do proxecto de A Parda, que eu espero ver pronto, son vinte. No rural levamos gastados outros dez millóns en reparacións de viais, mellora da accesibilidade nos colexios, núcleos de centralidade, en auga, en alcantarillado, en alumeado, en casas de cultura. É unha barbaridade. E agora imos meter 50 millóns de euros do contrato da auga nos próximos tres anos. ¿Como é posible que alguén diga que o rural está discriminado? Eu llo discuto a calquera. No urbano, outros dez millóns este ano... E se contas o que están metendo outras Administracións, que tamén hai que sumalo, o volume é bestial. Estamos nun momento álxido, e ten que ser exponencial, imos a máis.

-Fala de que «o tempo de Ence e Elnosa xa pasou».

-Pontevedra ten un 9,5 % de emprego industrial, Ferrol anda no 20 %, Vigo no 15 %. Falo da porcentaxe de emprego industrial sobre o total dos empregados do municipio. Ence non chega a 250 empregados, e Elnosa, 60. Pontevedra ten cerca de 3.000 persoas traballando no sector industrial. Xa me dirás o peso de Ence e Elnosa. Cando eu cheguei ao goberno, no Campiño había unha empresa, ¡unha!, que era Reyes Hermanos. Fixemos unha campaña de promoción, traballouse moito e hoxe está cheo. ¿Iso non é crear emprego industrial? E non olvides que en Pontevedra pecharon industrias con moitos, pero moitos máis empregos que Ence e Elnosa, e ninguén dixo nada.

-Quere dicir entón que cambian os tempos, a economía.

-Nesta cidade está habendo un ruxe ruxe de actividade económica e de xente emprendedora que teñen capacidade de internacionalización e de posicionamento, creo que están cómodos na cidade e coa cidade. Nós estamos a poñer os cimentos para que se desenvolvan. Esta é unha cidade para vivir e para traballar, para traballar desde aquí.

-Iso está moi ben, pero os datos de desemprego son os que son...

-Temos agora 5.400 parados, fronte aos 4.500 que había nos tempos de menos paro. Nunca houbo menos. Pero entón non había 41.000 altas na Seguridade Social como hai agora. Polo tanto, se vai evolucionando. Eu estou convencido de que estamos no camiño correcto.

-Pero non me negará o dano que fai a imaxe de rúas enteiras con locais pechados.

-Non o nego, pero é un problema distinto. De especulación. Os locais pechan polos alugueres altos. Terase que reformular, os comerciantes terán que ver se paga a pena ou non estar na Michelena ou Benito Corbal, ou en outras zonas da cidade. Porque hai vida nelas. Cando entramos no goberno na avenida de Vigo non había comercio, en Rosalía de Castro non había comercio... mira agora. Expandimos a cidade. E non olvides que a venta on-line tamén afecta, e que antes a xente viña a Pontevedra a comprar e agora en calquera vila tes de todo... O que podemos facer dende o Concello, facémolo. Traemos eventos, aumenta o turismo, e todo iso repercute no comercio.

-Segue a haber quen di que a xente non ven porque non hai onde aparcar no centro.

-Xa, pero é que iso é mentira. Temos arredor de Pontevedra sitios abondo onde aparcar gratis, a cinco ou dez minutos do centro. Vaite de compras a Vigo, e ¿onde aparcas gratis?

«¿Como se pode dicir que o rural está discriminado? Eu llo discuto a calquera»

«O que podemos facer dende o Concello polo comercio local, facémolo»

«Preocúpame que se poida xerar animadversión da xente cara a Policía Local»

Non corren tempos apracibles na relación entre o goberno local e os traballadores do Concello, e Fernández Lores culpa aos representantes sindicais.

-Ten vostede a crispación dentro da casa, cos funcionarios en pé de guerra....

-Habería que falar dos sindicatos, de mafias sindicais na Administración... Están levando a que a xente odie aos sindicatos, a que as condicións laborais sexan peores e que en certos sectores se privaticen as cousas. A min non me preocupa nada a factura que me poida pasar a min políticamente ese conflito. O que me preocupa é que se xenere animadversión da xente cara ao corpo da Policía Local. E eu non quero iso, porque eu quero que a policía se lle teña respecto. O que me cabrea é que os funcionarios do Concello podían ter unha subida salarial importante e non a teñen por culpa duns poucos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Pontevedra vive neste momento un ruxe ruxe de actividade económica»