Nace a primeira revista dixital de viodeoxogos en galego

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

O xornalista pontevedrés Carlos Pereiro, colaborador de La Voz de Galicia, é o creador do proxecto Morcego

08 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os amantes dos videoxogos contan desde hai uns días cun novo medio de información sobre todo o que acontece neste potente sector en Galicia e no resto do mundo. Morcego é a primeira revista dixital de videoxogos en galego, un proxecto nacido en Pontevedra da man de Carlos Pereiro, xornalista e colaborador habitual de La Voz de Galicia.

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, e a xestora de proxectos da Mesa pola Normalización Lingüística, Sara Seco, deron onte a benvida a esta nova proposta, subliñando o importante que é para o idioma galego medrar nun ámbito no que aínda e moi minoritario. «A revista Morcego achega un pouco máis o galego aos videoxogos e aos novos medios dixitais, onde a súa presenza e case nula e a oferta moi baixa, por iso é tan importante apoiar estas iniciativas», sinalou a Seco. Pola súa banda, Oubiña, destacou que «é unha honra para Pontevedra que a idea de esta revista partira de aquí, dunha persoa que pertence ao núcleo vivo da mocidade desta cidade, sempre disposta a facer cousas novas».

Visión xornalística

Carlos Pereiro explicou que

Morcego

naceu hai uns meses cando, por «curiosidade pura», buscou información sobre videoxogos que fora en galego. Pareceulle unha mágoa que non houbera case nada, salvo nunha sección do Diario Tecnolóxico de Galicia e pouco máis. «Entón pensei que estaría ben facer algo novo en formato de revista dixital, con reportaxes propias, entrevistas e toda a actualidade do que está a acontecer no sector, poñéndolle un chisco de xornalismo».

Así foi como empezou a deseñar a web e a traballar os contidos, ata que a revista viu a luz este mes de setembro, nun momento no que o lanzamentos de novidades no sector está á orde do día.

Na revista, que ten tamén tradución ao castelán, Pereiro quere prestar especial atención a todo o que se está facer en Galicia sobre videoxogos, como por exemplo o estudo Gato Salvaxe de a Coruña que, segundo apuntou, están facendo un videoxogo en galego ambientado no mundo celta.

Carlos Pereiro é un claro defensor do videoxogo como elemento cultural, máis alá da súa función de entretemento. «Ademais é un produto que non so consume a mocidade, senón tamén xente de máis idade, e que en España move seis veces máis que o cine». Así que, longa vida a Morcego!.