Sobre nenas, nenos e comedores en Secundaria

Peque González Nóvoa . Mestra, Coordinadora de Marea Pontevedra

PONTEVEDRA CIUDAD

05 sep 2018 . Actualizado a las 19:26 h.

A idea de educación como ben moi valorado, decisivo para determinar a vida das persoas e o benestar da sociedade, é compartida por todos os sectores e capas sociais, desde todos os ámbitos ideolóxicos. A educación é un dereito que ten que ter validez universal, é dicir, que todas as persoas poidan gozalo en cada un dos niveis educativos. E a educación pública, financiada cos recursos públicos orzamentados polas administracións, é a única capaz de garantir que o dereito á educación sexa unha realidade.

Pero cando falamos de educación, non podemos cinguila á instrución no currículo escolar. Hai elementos que conforman a oferta educativa dos centros de ensino, que hoxe en día son algo común e incuestionable na educación en toda Europa.

Un deses elementos son os chamados pola Consellería de educación “Servizos educativos complementarios”, que inclúen, fundamentalmente, o transporte e o comedor escolar. Ninguén cuestiona a necesidade de comedor escolar como servizo educativo que permite a conciliación familiar na sociedade actual. O que comezou sendo unha oferta esporádica hai poucos anos nos centros educativos públicos na cidade, hoxe é unha realidade que atende un número importante de nenas e nenos dos colexios de Pontevedra.

Un aspecto fundamental da existencia dos comedores escolares son as axudas que reciben as nenas e nenos das familias máis desfavorecidas, aos que lles garanten, polo menos, unha comida diaria en condicións axeitadas. Non é nada novo todo o anteriormente exposto. É cabal, ninguén o dubida. A pregunta é por qué  as nenas e nenos dos centros públicos da cidade, ao chegar aos 12 anos de idade e ao cambiar de etapa educativa, perden ese dereito que ninguén cuestiona.

A FANPA Pontevedra solicitou a apertura dun comedor escolar nun IES da cidade, solicitude que foi rexeitada. Non se me ocorre ningún argumento que o xustifique. Todo o anteriormente exposto segue a ter validez. Como a ten a oferta existente de comedor escolar para as nenas e nenos a partir de 12 anos que cursan a  ESO en centros privados.

Hai exemplos de comedores funcionando en IES en Galicia e noutras comunidades. Hai concellos, como recentemente o de Avilés, nos que a propia concellaría de educación ven de implementar o servizo para suplir as carencias da administración autonómica.

As administracións públicas teñen que garantir esa universalidade da educación da que antes falaba, o dereito de todas en todos os ámbitos, incluída a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. E deben apoiar todas as iniciativas que se leven a cabo nesta liña. As nenas e nenos que cursan a etapa obrigatoria de ESO na escola pública son nenas e nenos cos mesmos dereitos que na escola privada. 

Asegurémonos, desde as administracións públicas, que os teñen