A alma da familia petanqueira ben levada dos Campos

Destaca o traballo veciñal que hai detrás dos dous recintos de xogo e mete présa ao Concello co novo centro social

.

pontevedra / la voz

Raimundo Argibay Iglesias é desas persoas que falan e falan sen mirar o reloxo. O presidente da Asociación de Veciños dos Campos, en Pontevedra, chega á carreira ao punto de encontro: os recintos de petanca no barrio dos Campos, na parroquia de Mourente. Este home, natural de Santo André de Xeve, recalou nos Campos hai 45 anos. E fíxoo, di, como é normal, por amor. Leva seis anos xubilado tras traballar como mecánico e na Autoridade Portuaria.

Conta que xa antes da súa xubilación el e outros veciños quixeron poñer en valor unha zona, a dos antigos colexios, que estaba moi degradada. E tira de anécdota. «Había un carballo que case non se vía porque estaba invadido de maleza». Ao final, no ano 2014, conseguiron que se limpara a zona. «Reiteráronse catro camións de lixo», recorda. Aí xestouse a idea de construír un campo de petanca. «Madurei a idea, falei cos veciños e a verdade é que todos arrimaron o ombro. A asociación O Carballo -que leva o nome por esa árbore e non pola máis famosa de Santa Margarida- creouse en novembro do 2014 e o primeiro foi propoñerlle ao Concello que mellorara a estrada para dotala de maior seguridade», explica.

Raimundo pensou en dar vida á zona cun recinto de ocio. Este amante da petanca desvela que coñeceu este xogo non hai moito en Valencia, da man dun cuñado que si é petanqueiro. «Daquela era concelleiro Miguel Filgueira, e como no barrio había un carpinteiro e un albanel ofrecémonos a facer nós a obra do campo de petanca se o Concello se facía cargo dos materiais».

E así foi. Ese equipo de manitas fixo a obra. «É a mellor forma de garantir que a obra se fai e se fai antes», di Raimundo cun sorriso. O campo cuberto inaugurouse o 28 de marzo do 2015. Dentro do recinto, o presidente fai fincapé en que é o que ten máis uso. Domina o verde, a cor da asociación. Tanto, que ata parte dun cubo de fregar é dese mesmo verde. «Eliximos o verde porque é a cor da vida, unha cor alegre e bonita», conta. O outro campo, o descuberto, estreouse o 28 de maio do 2016.

Raimundo, que fai de todo na asociación e no equipo, presume de ter un conxunto case paritario, algo que, ao parecer, non é moi normal nisto da petanca. Son catorce entre xogadores e xogadoras. Adestran dous días á semana. Como se portan?, pregúntaselle. «O comportamento é bo. Non teño queixa, aínda que falan demasiado de cousas que non son da petanca, e unha das claves deste deporte é a concentración», remacha. O Carballo sempre está no podio dos torneos. Para Raimundo está claro: «Somos un equipo ambicioso, non ocioso». O 8 de setembro empeza a copa e hai que tomar en serio os adestramentos.

«A petanca parece máis fácil do que é. E é moi boa para dúas cousas: a relaxación e a concentración. Non é só tirar bólas».

Lesións de ombro

E matiza que hai que saber tiralas para evitar lesións de ombro. «O éxito depende da concentración. O nivel do equipo é bo, digamos que somos unha familia petanqueira ben levada». Eles mesmos coidan o recinto e o xardín. Outra idea que ten en mente é impulsar unha escola de petanca. Xa houbo algunhas conversas coa concelleira de Deportes para facer charlas nos colexios de Monte Porreiro e Vilaverde.

Á marxe da petanca, outra das prioridades da asociación é que se faga realidade o centro social presentado polo Concello o ano pasado. «O proxecto presentouse en novembro e os veciños están algo molestos porque as obras aínda non están en marcha. Confiamos na palabra do alcalde de que estarán antes de que acabe o mandato». Para os veciños dos Campos ese centro social permitirá dinamizar a zona con moitas actividades, tanto para maiores como para pequenos. «Poderanse facer cursos, obradoiros, charlas, excursións, intercambios con outras asociacións...».

Raimundo ten claro que ese local social vai cambiar a vida ao barrio e vai mellorar a calidade de vida dos seus veciños. A do presidente é desas xubilacións activas. Ademais de xogar á petanca, corre e fai natación, e as veces pégalle ao baile. De máis mozo tamén fixo ciclismo e xogou ao fútbol. Quen tivo retivo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

A alma da familia petanqueira ben levada dos Campos