«As dificultades de cobertura en verán leváronnos a este plan»

c. b. PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

26 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, cre que a medida deseñada é unha boa alternativa para paliar a escaseza de pediatras.

-¿As agrupacións de pediatras arrancarán en xullo?

-Non hai unha data de inicio precisa. A medida que se van collendo as vacacións e en función dos problemas de cobertura que vaimos tendo imos poñendo ese plan que temos enriba da mesa dende hai unhas semanas. Empezarán a principios de xullo segundo as necesidades.

-Xa xurdiron algunhas críticas...

-É un plan moi consensuado e falado. Tivemos varias reunións con sete deses corenta pediatras que prestan atención en varios puntos xeográficos. Esta situación fai que en verán, con ese menor número de pediatras, as dificultades de cobertura nos levaran a este plan.

-¿Non hai pediatras?

-Sempre dicimos que non hai pediatras, pero hai que matizar. Nós dispoñemos de 40 pediatras para aproximadamente 37.500 nenos, o que dá unha media de 930 nenos por pediatra, que é un cupo teórico porque é unha media, pero que é razoable. Na práctica nos movemos entre cupos de 500-600 nenos os baixos, aos máis altos de 1.100-1.200.

-Hai algunhas zonas costeiras que non se tocan. ¿Por qué?

-Das trece áreas, algunhas non sofren modificación como O Grove, Bueu ou Marín porque se van atendendo aínda que haxa algunhas dificultades. O que queremos é garantir un ou dos pediatras de luns a venres nun sitio.