Os libros galegos saen a rúa para celebrar o Día Das Letras Galegas

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

emilio moldes

Maria Victoria será homenaxeada na súa cidade pola Real Academia Galega e pola Xunta de Galicia en sendos actos que se celebrarán no Teatro Pirncipal e no Instituto Torrente Ballester

17 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Facer visible o libro en galego e poñer en valor as librarías. Con ese dobre obxectivo as concellerías de Dinamización Cultural e Normalización Lingüística promoven Os libros galegos saen á rúa.

Oito librarías instalarán este 17 de maio, Día das Letras Galegas, postos de venda e un espazo de lectura na praza da Ferrería, en horario de 11.30 a 14.30 horas e de 17.30 a 20.30 horas. Os establecementos que participan nesta iniciativa son: Aviones de Papel, D-Lectum, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Paz e Seijas.

O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, enmarcou a actividade no paraugas da Festa do Libro, que terá lugar na cidade os próximos 22, 23 e 24 de xuño. Unha programación que tivo unha primeira cita o pasado 23 de abril, cando as librarías abriron as portas a un amplo abano de citas culturais, desde presentacións de libros ata contacontos e conversas cos autores.

A saída dos libros á rúa é unha achega máis ao ambiente que se vivirá hoxe en Pontevedra, sede dos actos institucionais de homenaxe a María Victoria Moreno que celebrarán a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia no Teatro Principal, ás 12.30 horas, e no Instituto Torrente Ballester, ás 11 horas.

A estes actos, que terán lugar pola mañá, sumarase tamén a homenaxe popular que lle renderá ás sete e media da tarde a Asociación Sociocultural O Burgo na praza de Curros Enríquez, engalanada como é habitual para a ocasión cunha alfombra floral coa imaxe da homenaxeada.