A Real Filharmonía pon música á obra de María Victoria Moreno

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

Sandra Alonso

Estrea a peza «Duns folios que foron brancos», do compositor vigués Miguel Matamoro

16 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 21 horas • Auditorio de Afundación • Pontevedra acolle por terceira vez o concerto conmemorativo das Letras Galegas que organiza o Consello da Cultura Galega. A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá un recital dedicado a María Victoria Moreno, baixo a batuta do mestre Maximino Zumalave e coa participación da soprano Anais Fernández, xunto a un coro integrado por membros do Collegium Compostellanum, a agrupación Solo Voces e o Coro de Cámara Rías Baixas.

O concerto comezará coa popular Alborada do compositor galego Pascual Veiga, unha das figuras máis representativas do nacionalismo musical galego, orquestrada polo vigués Juan Durán. De seguido os músicos tocarán unha selección de cancións xacobeas de Antón García Abril, baseadas en textos de poetas galegos, neste caso de Valle-Inclán, Álvaro Cunqueiro, Sancho I e Ramón Cabanillas. E soará ademais a Dolora sinfónica de Gregorio Baudot.

En homenaxe a María Victoria Moreno, á figura á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, estrearase unha obra baseada nos seus textos. Trátase de Duns folios que foron brancos, que o vigués Miguel Matamoro compuxo por encargo do Consello da Cultura Galega. Este músico, de 27 anos, empezou a estudar piano dende moi pequeno e axiña comezou a tocar as súas propias creacións. Formouse en Composición no Centro Superior de Música do País Vasco.

O concerto concluirá cunha selección da obra Tres estampas galegas de Mauricio Farto, o compositor valisoletano afincado en Galicia que se dedicou á investigación do noso folclore. A primeira das estampas é unha alborada centrada nunha festa rural familiar, a segunda ocúpase das palilladas de Camariñas e a obra remata cunha pandeirada.

Entradas esgotadas

As entradas para este concerta están esgotadas. Aínda que o acceso é libre e de balde, había que inscribirse previamente en Ataquilla.com ou no propio Auditorio de Afundación.

Antes do concerto, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ofrecerá unha recepción oficial aos membros da Real Academia Galega e do Consello da Cultura, no Café Moderno.

Pontevedra será tamén mañá, 17 de maio, a sede do acto central do Día das Letras Galegas, cunha sesión pública e extraordinaria do plenario da Academia Galega.