O universo de María Victoria Moreno brilla no seu Instituto

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

emilio moldes

O IES Torrente Ballester acolle ata o 2 7 de maio a exposición «Paisaxes e personaxes» dedicada a escritora

15 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras a súa estadía en Santiago, a mostra itinerante María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes, coa que a Xunta de Galicia rende tributo a autora homenaxeada polas Letras Galegas, está xa en Pontevedra. No IES Torrente Ballester, onde a escritora impartiu a docencia, brilla máis ca nunca o seu universo creativo con esta exposición promovida por la Consellería de Educación e coordinada por David Pintor.

Os que se acheguen por este centro poderán contemplar ata o 27 de maio a vida e a obra de María Victoria a través do diálogo gráfico de oito ilustradores galegos de prestixio cos personaxes principais e os escenarios de oito dos seus libros: O Cataventos, A festa no faiado, Anagnórise, Mar adiante, Un cachiño de bica, Guedellas de seda e liño, Leonardo e os fontaneiros e A brétema.

Xan López Domínguez, Nuria Díaz, Lucía Cobo, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, Mari Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón realizaron esta galería de retratos e lugares que conforman o universo literario da autora. O humorista gráfico, ilustrador e pintor coruñés, David Pintor é o autor da imaxe central da mostra, e cada un dos outros artistas creou nun panel con dúas ilustracións que se acompañan cun fragmento da obra correspondente.

A exposición inclúe tres paneis biobibliográficos e dúas vitrinas nas que se ofrece una escolma de obxectos persoais da escritora, como a súa primeira máquina de escribir, unhas lentes que levou durante anos, o bolígrafo co que escribiu as súas derradeiras obras e o manuscrito do libro O Cataventos.

Tras o seu paso por Pontevedra, a mostra Paisaxes e personaxes viaxará por A Coruña, Lugo, Vigo, Ferrol, Sanxenxo, Ordes, Vilalba e Celanova ata final de ano

Paralelamente á inauguración desta exposición, o IES Torrente Ballester acolleu un acto de celebración das Letras Galegas, no que o escritor e ex-profesor Manuel Lourenzo, que coincidiu neste centro con María Victoria Moreno, impartiu unha charla sobre a súa relación profesional con ela. Ademais proxectouse un vídeo sobre a autora homenaxeada e un grupo de alumnos escenificaron Un can chamado Morito, conto inédito escrito a man e a máquina por María Victoria Moreno e que lle deixou como agasallo ao Instituto.