Premios de creatividade en galego

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

EMILIO MOLDES

15 may 2018 . Actualizado a las 20:40 h.

A Universidade de Vigo celebrou no campus de Pontevedra o Día das Letras Galegas coa cerimonia de entrega dos premios de poesía, relato curto e traducción literaria, convocados por esta institución académica. O acto, que tivo como escenario a Casa das Campás, foi ao tempo unha homenaxe a María Victoria Moreno, escritora e docente «sementadora de futuro», como salientou o reitor en funcións, Salustiano Mato. A filla da autora, Begoña Llácer, e a profesora de Filoloxía Galega, Ana Acuña, foron as encargadas de rememorar e glosar a figura da escritora e a súa «historia de amor ca nosa terra, a nosa lingua e a nosa literatura».

A lingua ten futuro

Un pasarrúas a cargo dos grupos participantes nas aulas de música tradicional do campus, precedeu este acto ao que asistiu o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e contou, ademais, coas coplas dos regueifeiros Suso de Xornes e Josiño da Teixeira, lembrando tamén que «a lingua ten futuro».

Os premios que se entregaron onte teñen como obxectivo recoñecer a creatividade literaria en lingua galega dos integrantes da comunidades universitaria, reflectida en traballos como o poemario As espiñas do ourizo, da alumna de Belas Artes Noa Rodríguez, gañadora do primeiro premio de poesía. Francisco Javier Fernández, enxeñeiro de minas e alumnos do máster en Administración de Empresas, recibiu tamén o primeiro premio de relato curto. E Manuel Arca Castro, o de traducción literaria. En cada unha destas modalidades entregáronse varios accésit.