Un ensaio maxistral

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

PONTEVEDRA CIUDAD

30 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A María Victoria Moreno os oncólogos diagnosticáronlle cancro de mama en 1997, cando cumpría 58 anos, tiña novas expectativas vitais e estaba no cumio da súa brillante e orixinal carreira literaria. Desde esa data ao 22 de novembro do ano 2005, día do seu pasamento, o cancro vai ser a preocupación esencial e a ocupación central da súa vida. A esa dura experiencia de varios anos debe a literatura galega un dos seus máis orixinais e conmovedores ensaios: o libro Diario da luz e a sombra.

Finalizado no mes de xullo do 2004, publicouno Xerais en outubro dese ano, con prólogo de Manuel Bragado, e presentouno a autora, en Pontevedra, o 13 de decembro, data na que, horas antes, os doutores lle comunicaran que o cancro, que parecía superado, producira metástase no fígado. Contan os asistentes que María Victoria presentou o libro «serena e risoña», que así era aquel extraordinario ser humano, sempre atenta a non desacougar a ninguén e, menos, ás xentes que quería, que eran moitas. Precisamente no Diario confesa: «… adiquei a miña vida ó coidado dos demais».

Fiel a esa teoría e a esa praxe escribiu o Diario na perspectiva, tamén, de que con el podía axudar a outras enfermas. Neste Diario, onde non se ocultan as durezas e os momentos terribles, non escasean as incursións na biografía anterior da autora e no seu pensamento de sempre. Aquí e alí hai referencias afervoadas a García Lorca ou Miguel Hernández, tan presentes nas súas clases, nos seus escritos e nas súas conferencias.

Agora ben, o que máis importa nesta crónica dunha enferma son os estados de ánimo que suscita a doenza, esmagantes uns, case gozosos outros. Este, por exemplo: «Hoxe síntome razoablemente ben; teño quen me queira e a quen querer, podo falar e ser escoitada, podo pasear ou ir ó cine, podo ler e escribir, podo comer polo fritido e beber unha copa de viño fresco e afroitado… Que máis se pode pedir?».

O que acontece é que María Victoria Moreno era un espírito grande e desde esa grandeza afrontaba os infortunios, e algúns padecera. No Diario hai unhas reflexións moi importantes sobre a morte e as distintas fases previas, páxinas nas que se inspira no libro de Domingo García-Sabell Paseata arredor da morte, que a escritora enferma cita unha e outra vez coas mellores gabanzas. Son palabras, as súas, que nos convidan á lectura do libro do doutor García-Sabell, aquel gran ensaísta.

Neste ano -o ano literario de María Victoria Moreno- a Xunta de Galicia debería facer unha edición especial deste maxistral ensaio, do conmovedor e aleccionador ensaio Diario da luz e a sombra. Estou convencido de que as súas páxinas, tamén pola súa valía literaria, axudarían, dalgún xeito, ás mulleres que hoxe vivan esa dura experiencia.