María Victoria Moreno, «unha galega por amor»

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

O Concello e a Academia comparten unha extensa programación para homenaxear á escritora

25 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Actos académicos e populares, concertos, exposicións, conferencias, presentacións de libros e de audiovisuais, recepcións e inauguracións, actividades educativas, simposios.... Todo e máis para honrar a María Victoria Moreno coa escritora, como docente, como muller e como «galega por amor».

O Concello de Pontevedra e a Real Academia Galega concretaron onte a extensa programación de actividades que ambas institucións levarán a cabo ao longo do mes de maio nesta cidade, sede do acto central do Día das letras Galegas 2018. O alcalde, Miguel Fernández Lores, e o presidente da RAG, Víctor Freixanes, xunto co conselleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, detallaron as principais iniciativas que prevén desenvolver dende a mais estreita colaboración.

O programa comezará xa este xoves, 26 de abril, as 20.30 horas, no Teatro Principal, coa proxección do documental María Victoria, galega por amor.

Ao día seguinte, o venres 27, está previsto o acto oficial de cambio de nome da rúa Fernández Ladreda polo de María Victoria Moreno, no que terá presenza a Academia, a familia e outros convidados.

O 1 de maio descubrirase unha placa no número 15 da avenida de Vigo, onde residiu a escritora. E o 5 de maio, no paseo Valle-Inclán de Campolongo, presentarase o libro O escalón de Ulises. Un paseo pola Pontevedra dos afectos de María Victoria, a mestra que escribía libros, de Montse Fajardo.

O 8 de maio o Correlingua, a carreira a prol da lingua galega, percorrerá as rúas da cidade, coincidindo coas actividades do programa escolar Ben Veñas Maio.

O 16 de maio terá lugar o Concerto das Letras Galegas, promovido polo Consello da Cultura Galega, no que se estreará unha peza musical composta por Miguel Matamoro sobre un texto de María Victoria Moreno. Este concerto terá como escenario o auditorio de Afundación e irá precedido dunha recepción oficial do Concello no Café Moderno.

O día 17 reunirase o Plenario da Real Academia Galega no Teatro Principal coas intervencións dos académicos Alonso Montero, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey. E pola tarde celebrarase o habitual acto popular do Día das Letras na Praza de Curros Enríquez.

Víctor Freixanes sinalou que a Academia síntese «honrada e agasallada pola atención que o Concello está a ter con María Victoria Moreno» e adiantou que familiares extremeños da escritora e mesmo representantes da Junta de Extremadura mostraron interese por asistir aos actos do 17 de maio en Pontevedra.

Recordou, ademais, que a RAG celebrará un simposio, neste caso na súa sede da Coruña, coa presentación de importante traballos sobre a autora homenaxeada.