As Librarías celebran o Día do Libro no Salón

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

emilio moldes

13 establecementos da cidade levarán a cabo diferentes iniciativas para fomentar a lectura e incentivar as ventas

20 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Trece librarías de Pontevedra celebrarán o próximo luns, 23 de abril, o Día Mundial do Libro con diferentes actividades, descontos e algunha que outra sorpresa. Farano no marco da programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil que se está a celebrar no Pazo da Cultura ao longo deste mes.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, acompañada por unha representación de libreiros presentou onte as iniciativas que terán lugar nesa data tan sinalada, animando á xente a achegarse as librarías «para falar e escoitar as recomendacións literarias de aqueles que coñecen moi ben o seu oficio e son quen de facilitar os títulos máis acaídos para cada lector».

Tal como comentou Fouces, as trece librarías colaboradoras están incluídas nun folleto editado polo Concello no que aparecen detalladas as actividades que cada unha delas levará a cabo e un mapa da cidade para localizalas, «xa que algunhas son vellas coñecidas, pero hai novas incorporacións que están a facer un traballo moi bo e é interesante e así todos saberemos onde están».

A concelleira engadiu que «é preciso exhibir a potencia que esta cidade ten no ámbito das librarías e da mediación lectora. Cada vez hai máis establecementos respecto a outras cidades, hai interese por parte da poboación e ambiente lector».

Pola súa banda, os libreiros manifestaron o seu agradecemento ao Concello pola súa implicación e apoio en diferentes actividades de «difusión do libro nestes tempos complicados nos que a venda on-line fixo moito dano e fomos un dos sectores máis damnificados».

Luz Gallego (Nenuca), de Librería Seijas, salientou que na súa opinión «este modelo de cidade ten moito que ver na proliferación das librarías e nas vendas, xa que se pasas en coche non te paras pero ao ir a pé de rúa é máis fácil que a clientela decida entrar ao ver o escaparate. A xente de fóra sorpréndese da cantidade de librarías que hai».

Programación

Sinaturas personalizadas por parte de diversos autores, encontros, presentacións de novidades editoriais, sorteos de libros, agasallos de flores e marca páxinas, recitais musicais e poéticos, sesións de café e vermú literarios... Son algunhas das actividades que ofrecerán no Día Mundial do Libro as librarías pontevedresas: Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Metáfora, Patakafrita, Paz e Seijas.

O lema desta xornada será Vén celebrar os libros con nosco e os establecementos ofrecerán un 10 % de desconto en todas as compras que realicen os seus clientes lectores.