«Os galegos temos unha certa capacidade criminolóxica propia»

PONTEVEDRA CIUDAD

MARCOS MÍGUEZ

O actor, que fai de Oubiña en «Fariña», estará en Pontevedra o 2 de xuño co espectáculo de humor «Somos criminais»

18 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao mesmo tempo que triunfan na serie de televisiva Fariña, Carlos Blanco e Touriñán están a percorrer Galicia co espectáculo Somos criminais. O sábado 21 de abril estará en Cangas, a finais de maio en Vigo, e o 2 de xuño en Pontevedra.

-¿Somos criminais é unha pregunta ou unha afirmación?

-É unha afirmasión, o que non quere disir que sexa sempre negativa. Foi unha proposta de Touriñán; di que moitas veces emprega a expresión: Isto é criminal. Cando o pensamos, estabamos os dous facendo Fariña na que eramos moi malos, polo que queriamos facer algho un pouco máis sobre esta cuestión.

-Pola cara de malo que pon na serie, parece máis criminal el que vostede.

-Aí está o bonito. A xente non esperaba eso del porque estaba acostumada a vernos en comedias, sobre todo a el, porque eu xa teño feito cousas dramáticas. Está moi ben ofrecerlle ao público cousas diferentes, que non agarda.

-¿Como desenvolven no escenario a tese do crime autóctono?

-É un traxe a medida que lle encargamos a un xastre, que probablemente sexa o autor máis prolífico de Galicia, que é Xosé Prieto, case un descoñecido para o gran público, pero que leva máis de oitenta obras de teatro escritas. O que pasa é que quedamos con el en que nos fixese un texto a medida pero que nós retocaríamos.

-¿Hai improvisación?

-Fichamos como director a Tito Asorey, que é o que fai de avogado en Fariña. Ten unha compañía que se chama ilMaquinario Teatro e nos encanta. Queriamos que o público, aparte de levar unha boa doses de risa, vira unha obra ben coidada. Vai moi milimitrado, pero temos momentos nos que permitímonos xogar. Nas funcións que levamos van aparecendo pequenas cousiñas que imos incorporando porque é un espectáculo que está vivo.

-Parece que está a gustar porque esgótanse as entradas en todos os sitios.

-Non só estamos contentos por iso, que tamén; estamos encantados por como a xente sae do espectáculo.

-¿O galego afronta o humor ante situacións dramáticas dun xeito singular?

-Aquí o holocausto non funcionaría; aquí funciona un tipo de crime máis peculiar, como case todo, e o público vaino comprobando ao longo do espectáculo. Penso que está sostido con moita intelixencia por parte do autor, e si imos pensando como afrontaría as situacións o carácter galego.Ímonos desdobrando en distintos personaxes e desenvolvendo escenas que sustenta a nosa tese. Si temos unha certa capacidade criminolóxica diferenciada e no espectáculo queda demostrado.

-¿Sorprendeulle a repercusión de «Fariña»?

-Na dimensión, si. Cando estabamos gravando, eu dicía que non tiña a mesma sensación dende Mareas Vivas. Pensaba que estabamos facendo un produto que se recordaría, pero non esperaba a dimensión que está acadando. Claro que as circunstancias non son alleas, e parece que escribimos nós o guión do que tiña que pasar; déronse as casualidades que permitiron o éxito da serie.

-Vostede vive na illa de Arousa. ¿Como recibiron alí a serie?

-Imaxina, o 80 % do xen de Fariña pode estar alí. Eles o están a vivir ben, apasionadamente, como todo; dan a súa opinión, corríxenme cousas que na serie non foron exactamente igual. Alí, todo o mundo comenta a serie.

-¿Sorprendeulle a resposta que está a ter o emprego de moitas expresión galegas nunha serie en castelán?

-Iso é un éxito. As veces, temos certo complexo polo noso acento cando saímos fóra, pero á xente encántalle; din que é unha das cousas que máis valoran, é que a serie respira Galicia, iso é fantástico.

-¿Tivo contacto con Oubiña?

-Si, fun comer con el xa cando estaba empezada a rodaxe, localizoume a través dunha terceira persoa e comimos. Sabía que estábase a facer a serie e eu creo que sabían incluso os guións.

-¿Foi unha comida calmada?

-Con calma con Oubiña nunca son as cousas. Tivemos unha conversa moi longa que queda no ámbito privado, pero digamos que foi complicado. El preguntábame cousas, e eu a el.