A muller que levanta o mundo coa súa gorxa

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

RAMON LEIRO

Da igual que toque a pandeireta, o tamboril ou que cante. O que importa é a forza que leva consigo

18 abr 2018 . Actualizado a las 05:05 h.

Ocorreu hai case vinte anos. Xurxo Souto, o emblemático cantante de Os Diplomáticos de Monte Alto, facíalle un «cuestionario bravú» nas páxinas deste xornal a Dolores Fernández, Lola de Ribeira, daquela unha moza xa cunha longa traxectoria no mundo do folk. Preguntáballe el por que había que ser pandereteiros. E respondería ela algo ben fermoso: «Porque facer música co que sexa, incluso cunha tarteira, é suficiente bo e bonito como para levantar o mundo». Pasaron 19 primaveras dende aquela entrevista. E, se de Lola de Ribeira dependera, o mundo estaría máis arriba ca nunca. Ela non deixa de levantalo cantando, bailando e tocando alí por onde pasa. A música non é só a súa afección, nin só a súa profesión. A música é a súa maneira de entender a vida. Cóntao ben sentada nunha cadeira pequeniña, que pertence ao colexio de Vilaverde (Mourente, Pontevedra). Porque Lola de Ribeira, que como o seu nome ben indica é de Santa Uxía de Ribeira, fixo niño en Tenorio (Cotobade) e traballa en Pontevedra.

Vaiamos ao antonte de Lola para entender o seu presente. Conta Lola que debeu ser alá polo ano 1985 cando se lle meteu o verme da música dentro. É sincera: «Eu o que fixen foi seguir ao meu irmán Edel -o gaiteiro Edelmiro Fernández-, eu sempre ía seguindo o que el facía, e así entrei no grupo de gaitas do Concello de Ribeira, que logo se chamou Ancoradoiro», explica. Non eran tempos aqueles nos que os rapaces fixesen actividades a esgalla. E a Lola pedíronlle na súa casa que freara: «Meterse na banda implicaba comprar traxe, instrumento... e eramos cinco na casa, tiven que esperar un ano». Deu un pouco igual. Porque o verme seguía dentro. E en canto se puido alá foi ensaiar coa banda, decantándose case sempre pola percusión. A súa cara reflicte ledicia cando recorda os ensaios peludos, aqueles que se sabía cando empezaban pero non cando remataban. A música, para aquel entón, xa un compañeiro vital. Daba igual se había que cantar na cima do escenario ou se había que botarlle unha cantiga nesa casa á que seu pai chegaba, como di a copla, cheirando a frescura. «Meu pai era mariñeiro. Acórdome de pedirlle que nos fixera uns camaróns acabados de pescar. E acórdome de cantar sempre na casa», lembra Lola.

A chegada a Compostela

Cando tocou elixir carreira, máis do mesmo. Seguiu os pasos do seu irmán e foi facer Educación Musical a Compostela. E aí si que xa non houbo volta atrás: «Entrei en contacto con moitos artistas, con moita xente con ganas de facer cousas e xa non deixei de tocar nunca». Colaborou cunha morea de agrupacións. Dende Lamatumbá a Fiandola pasando polo Orfeón Terra Nosa ou Serralle-aí. Un día, acabou convertida tamén en cantante dunha das bandas máis emblemáticas do rock bravú galego: Os Diplomáticos de Monte Alto. Estivo con eles dende 1999 ao 2005. E ten anécdotas como para encher unha maleta. Ri e di que se deu conta de que estaba nun grupo importante cando chegou ao Luar e non tivo que compartir espazo con outras agrupacións. «O de ter camerino para nós era moito». Conta que só houbo unha ocasión na que a gorxa se lle quedou trabada: «Foi no festival de Liméns, en Cangas. Viñamos de tocar do País Vasco e de repente saín ao escenario e vin unha praia enorme ateigada de xente. Eu tiña que cantar ‘Mariñeiriño do mare, mariñeiriño do mare’... que no disco a cantaba Mercedes Peón coa súa forza... pensei que non era capaz. Pero cantei», di.

Mentres recorría escenarios Galicia para arriba e Galicia para abaixo, deu o callo tamén como mestra. E de que maneira. Puxo a cantar e tocar a pandeireta e ducias de nenos, sobre todo na Coruña. E acabou opositando tamén para ser profesora de música nunha escola pública. Conseguiuno, e empezou a percorrer colexios ata que un día chegou a Mourente, un centro onde se lle ve feliz. «Gústame moito a ensinanza, gústame ver que os nenos gozan moitísimo coa música. Como ves eu barro para a casa e teño pandeiretas tradicionais para ver se lles van gustando», di.

Foi en Pontevedra onde se reencontrou con Miguel, compañeiro musical, que acabou sendo tamén o amor da súa vida; amor compartido con Nicolás, fillo de ambos. Asentaron en Tenorio non sen que a súa nai lle advertise que ela, nacida no mar, igual non se adaptaba terra dentro. Debeu adaptarse. Porque segue a cantar feliz. Aínda que seguramente Lola sería feliz en calquera sitio. Porque ten claro que a vida é para gozala: «Miña nai deume os camiños e meu pai deixoume o mare, non tiña máis que deixarme nin eu penso máis deixare», di a súa copla preferida.

Naceu nunha familia de cinco irmáns, en Ribeira, e empezou case de nena coa música

É mestra no colexio de Mourente, onde barre para a casa e ensínalle aos nenos coplas tradicionais