O Ano María Victoria Moreno ábrese a entidades e empresas

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

EMILIO MOLDES

O Concello colabora e participa hoxe no acto académico de homenaxe a escritora no Torrente Ballester

04 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A importancia de Pontevedra na vida de María Victoria Moreno converterá a esta cidade na capital das Letras Galegas 2018, como salientou no seu momento o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. O acto central do 17 de maio celebrarase no noso Teatro Principal e o Concello, ademais de ser participe da extensa programación prevista pola RAG, está a programar tamén os seus propios actos co propósito de incidir na vinculación da imaxe da escritora coa cidade.

Eses actos municipais se irán desvelando e celebrando ao longo do ano e o concelleiro de Normalización Lingüística abriu onte a man ás entidades ou empresas que queiran realizar algún homenaxe á autora, a que se acheguen a Casa Consistorial para colaborar con elas.

Nesa liña, o Concello participa e colabora na organización do acto académico que se celebra hoxe, a partir das 17 horas no Instituto Torrente Ballester, cunha conferencia a cargo de Xesús Alonso Montero, a proxección dun video-homenaxe e dun conto inédito de María Victoria Moreno. E, a maiores, traballa na impresión dun manuscrito inédito da escritora que está sendo tratado e ultimado polos profesores e alumnos deste centro, no que ela foi docente.

Roteiro

Alberto Oubiña tamén anunciou para este venres, as 19.30 horas, a estrea dunha nova camiñada da Concellaría de Normalización Lingüística. Será a Camiñada con María Victoria Moreno que se vén a sumar ás que xa foron realizadas polo seu departamento con outros autores como Castelao, Sarmiento ou Pintos.

O punto de partida será a ponte da avenida de Vigo, para facer un percorrido por aqueles lugares que soía frecuentar a escritora e profesora do Torrente, amosando a súa pegada na cidade. O roteiro foi deseñado pola profesora universitaria Ana Acuña, e pola escritora pontevedresa Fina Casalderrey.

A diferencia do resto de roteiros que son pechados a un grupo de persoas que previamente o solicitan, nesta ocasión estará aberto a todos aqueles que o queiran facer. Por unha cuestión de organización, solicítase aos interesados que previamente o comuniquen no correo electrónico normalizacionlingüistica@pontevedra.eu ou ben no teléfono 986 804300 extensión 7107.

Audiovisual

Paralelamente, a Concellaría traballa nun documental sobre a figura de María Victoria Moreno no que se recollen fragmentos de entrevistas súas ou a participación de persoas da súa familia e outras figuras que amosan a personalidade da autora e da súa obra.

Este documental, que se fai votando man de empresas incluídas dentro da rede do Puntazo, proxectarase no Teatro Principal, o vindeiro xoves, 26 de abril, ás 20.30 horas.