«Son arriscada, trato de subir unha marcha máis que as competidoras»

carlos pereiro

PONTEVEDRA CIUDAD

emilio moldes

Leva practicando a mesma modalidade dende os nove anos. Di que nunca tivo un entrenador malo

23 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Raquel Miguéns xa leva dúas décadas de volantes e raquetas ás súas costas. O bádminton é tan imprescindible na súa vida coma comer ou durmir. A súa aventura deportiva comezou na Estrada e agora prosegue no Club Bádminton Ravachol Pontevedra. Este mesmo ano acadou a triple coroa galega na categoría sénior: ouro en individual, dobres feminino e mixto. Pero ela non para, nin ten traza de facelo.

-¿Cando chegou a ti o bádminton?

-Moi cedo. Cando tiña nove ou dez anos. Miña nai ao principio non o tiña claro, pero o profesor comprometeuse a buscarme e levarme. Deuse a casualidade que eu era zurda, que lle daba ben, e do colexio xa pasei a formar parte dun club.

-¿Máis de vinte anos xogando e subindo. ¿Que che aporta este deporte?

-Eu era atleta, e xoguei un tempo ao fútbol sala pero... O bádminton divírteme un montón. A día de hoxe pode que me dera máis desgustos que alegrías (rí). Para min e como ir tomar un café cun amigo. Necesito facelo. Forma parte de min e seguramente cando deixe de adestrar forte continuarei indo a xogar unhas pachangas.

-¿Houbo algún adestrador que che marcara especialmente?

-Moitos. Tiven a sorte de estar sempre moi ben rodeada. Lembro que o meu profesor de educación física era unha desas persoas que facía que te engancharas ao deporte. Son afortunada. Nunca tiven un adestrador que me quitase as ganas de ir ao pavillón.

-As veces, dende fóra, a xente non logra a ver a intensa e importante que é a relación entre xogadores e adestradores. O caso de Carolina Marín, por exemplo, cando lle pedira espazo a Fernando Rivas durante aquela final. Todo o mundo quixo opinar.

- Carolina é unha campioa olímpica e incriblemente boa. Agora ben, ninguén debe esquecer que se ela está aí é por que Fernando Rivas apostou por ela. Viu algo e conseguiu levala ata a cima. Falamos dun adestrador que revolucionou o bádminton. Eu se cheguei a onde estou foi porque tamén tiven xente detrás que me marcaba as cousas. Pero, ben, Carolina está a un nivel estratosférico.

-Niveis aparte... ¿Cábenche na casa todas as medallas e trofeos gañados nestes anos?

-Eu, ademais de contar con moita axuda da xente, sempre fun moi competitiva. Dende os trece anos ata os vinte, nesas categorías inferiores, recoñezo que si gañei moitos torneos. No meu caso, o meu maior logro foi gañar un Internacional Sub-19; e son terceira absoluta tres veces, unha en mixto e dúas en individual; subcampeona de España en mixtos e terceira en individual moitísimos anos. Era a reina das semifiinais (ri).

-Que non é pouco.

-Non, non. Era algo estrano, érame moi difícil meterme nas finais. Non sei se era falta de concentración, se era que xa me conformaba... Medallas de bronce teño unhas cantas. Agora podo parecer moi tranquila, pero no seu día os mosqueos e os nervios estaban a orde do día. De vinte anos, catorce paseinos así. Co tempo aprendes a entender mellor as cousas, e levalo todo mellor. Non é o mesmo competir con 19 que con 29.

-Eres moi competitiva, segundo ti mesma apuntabas. ¿Tes un xogo agresivo? ¿Buscar asoballar ao rival?

-Non... Por sorte no bádminton existe o xogo limpo. Eu simplemente trato de subir unha marcha máis cas miñas competidoras. Nese sentido son moi arriscada. Hai xente que pasa o volante e eu vou o difícil. Non me gustan os golpes fáciles. Ao mellor se xogara máis tranquila sacaría algún puntiño máis pero...

-¿Como está o bádminton no panorama galego?

-O principal problema do bádminton e que non o hai en tódalas comarcas de Galicia e tampouco se profesionalizou en todas. A nivel galego hai seis ou sete clubs que considero profesionais con xente dentro que fixo os seus cursos de adestrador nacional e que sabe como funciona o bádminton. Xogadoras como Carolina Marín axuda a que outros se interesen por el, pero é un deporte que de primeiras cústalle enganchar aos que non o coñecen. Iso si, no momento que o probas, e ves o que é, xa estás metido. Un pode mellorar e competir rápido. Teño rapazas no club que en catro meses están gañando torneos. Algo se está facendo ben nos clubs que temos aquí en Pontevedra, e tamén en Galicia, se así é posible.