Familia, amigos, compañeiros e exalumnos recordarán a María Victoria Moreno nun vídeo

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Emilio Moldes

O acto académico será o 4 de abril no IES Torrente Ballester

22 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra albergará o vindeiro 4 de abril o acto académico de homenaxe a María Victoria Moreno, a docente e escritora á que se dedica o Día das Letras Galegas 2018. O director do centro, David Castro, e o concelleiro Alberto Oubiña, presentaron este mércores o programa dese evento, que se desenvolverá no salón de actos do instituto a partir das 17 horas.

Ademais da intervención das autoridades, o acto académico inclúe unha conferencia inaugural a cargo de Xesús Alonso Montero, a proxección do vídeo-homenaxe a María Victoria Moreno, e unha mesa redonda na que participarán, xunto a Alonso Montero, Xavier Senín, Fina Casalderrey e Víctor Freixanes, presidente de la Real Academia Galega (RAG). O acto pecharase coa proxección dun conto inédito da autora, editado e ilustrado por estudantes e mestres do instituto. Un conto do que recibirán copia todos os centros educativos do municipio, segundo indicou David Castro.

O vídeo-homenaxe foi realizado por Gaspar Broullón, un exalumno de María Victoria que ten unha produtora e se brindou para colaborar co instituto. Esa homenaxe recolle testemuños de familiares, amigos, compañeiros e exalumnos da autora á que se dedica o Día das Letras. Gravouse integramente no IES Torrente Ballester a través de diversas entrevistas.

O vídeo terá unha duración duns quince minutos e é unha escolleita desas declaracións. «A través da súa filla, do viúvo, dos amigos máis próximos, de compañeiros e de antigos alumnos tentaremos mostrar un pouquiños desas moitas cousas que foi María Victoria Moreno», comentou Gaspar Broullón, que foi o seu alumno nos anos 1998 e 1999.

«María Victoria non é só unha docente, non é só unha loitadora polos dereitos das mulleres, nin só unha muller adiantada ao seu tempo», sinalou o exestudante de Literatura e Lingua Española, que hoxe exerce como profesor universitario. «Ela foi unha das persoas que máis me animou a dirixirme cara o mundo da comunicación».