Premios da lingua para Apego, Anxo Gonzalez,Vitoria Ogando e Galipedia

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

Emilio Moldes

15 mar 2018 . Actualizado a las 21:30 h.

O Pazo de Mugartegui acolleu  o acto público de entrega dos Premios Xoán Manuel Pintos ao programa Apego, aos docentes Vitoria Ogando e Anxo González Guerra, e a Galipedia, pola súa labor a prol da lingua.

O programa Apego foi distinguido por conseguir sumar a miles de familias para que sexan activas na transmisión da lingua galega desde o berce, como idioma inicial das súas fillas e dos seus fillos.

No caso de Vitoria Ogando e Anxo González Guerra, o xurado destacou que ambos os dous profesores de lingua e literatura galega desenvolveron os seus anos de docencia en Pontevedra, transmitindo a ducias de xeracións de estudantes o seu amor polo galego e o orgullo de termos lingua, historia e cultura propias. Xuntos crearon materiais para a aprendizaxe da

lingua, primeiro en papel e despois desde a Rede, como a páxina web www.ogalego.gal

O premio elixido entre as propostas presentadas pola cidadanía foi para Galipedia, a enciclopedia libre en galego pola súa promoción e normalización da lingua galega.

O Concello de Pontevedra convoca anualmente o premio Xoán Manuel Pintos co fin de facer recoñecemento público ao labor de impulso do uso da lingua galega e, ao mesmo tempo, manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, figura central do Rexurdimento e un dos pioneiros no compromiso coa defensa do galego.