Todo lembra a María Victoria Moreno no seu instituto

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Emilio Moldes

A adaptación da súa obra «Leonardo e os fontaneiros» estreouse este luns no IES Torrente Ballester de Pontevedra

06 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Este 2018 é o ano de María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1941-Pontevedra, 2005). A elección da profesora e escritora para celebrar o Día da Letras por parte da Real Academia Galega pon á autora e a súa obra nun máis que merecido primeiro plano. Iso é así moi especialmente no instituto no que pechou a súa vida como docente, o IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra. Un centro que se quixo volcar nesa celebración. E algo que se ve con só pisar as instalacións educativas.

Este luns tivo lugar no salón de actos do instituto unha estrea especial á que asistiron alumnos de 1º e 2º da ESO. Foi a representación teatral da adaptación da obra de María Victoria Moreno Leonardo e os fontaneiros, a cargo da compañía Ubú Teatro. Non se quixeron perder esa revisión da historia do can Leonardo e as trasnadas dos rapaces fontaneiros Begoña Llácer, filla de María Victoria, e Pedro Ferriol, o seu viúvo.

Pero máis alá do espectáculo de onte, o centro leva inmerso no ano María Victoria Moreno desde o comezo. Como lembraba o director do Torrente Ballester, David Castro, ao inicio deste curso creouse unha comisión para deseñar os actos e facer despois un seguemento das actividades. Así no primeiro trimestre levouse a cabo o mural da biblioteca. Unha biblioteca que leva o nombre da autora de Anagnórise e exhibe os máis de catro mil volúmenes doados por María Victoria Moreno. Ese mural que quedou listo en novembro convertiu á mestra que formou a moitas xeracións en todo un icono pop. Unha imaxe moderna que lle pega moito á cacereña afincada en Pontevedra.

Tamén se decorou a entrada do centro (muros exteriores) e se armaron dúas exposicións, unha sobre os seus libros e outra máis biográfica que repasa a súa obra. En proceso está outra actividade que está ligada á afección de María Victoria Moreno por El Quijote. Antes da vindeira Semana Santa os rapaces remitirán a varias embaixadas cartas solicitando un exemplar da obra de Cervantes nese idioma. Polo momento non se sabe o alcance que vai ter.

Neste segundo trimestre, ademais da representación da obra Leonardo e os fontaneiros, editarase un manuscrito inédito da autora. A idea é que alumnos de 4º da ESO sexan os encargados de ilustralo. O instituto ten o compromiso do Concello de sufragar os gastos. Para o terceiro trimestre están programadas catro actividades máis. Serán as Xornadas María Victoria Moreno, a participación no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, unha conferencia na Universidade Complutense de Madrid (21 de maio) e a Feira de Libros Usados. No caso das xornadas a comisión ten previsto invitar á promoción do 2001.

A todo ese labor de docentes e estudantes do Torrente Ballester, súmase a decisión do Concello de que a avenida Fernández Ladreda da cidade leve o nome de María Victoria Moreno.

A compañía Ubú Teatro representa «Leonardo e os fontaneiros». O salón de actos do instituto acolleu este lunes a representación teatral da obra de María Victoria Moreno.

O viúvo e a filla. A familia máis directa de María Victoria, o seu viúvo, Pedro Ferriol, e a súa filla, Begoña Llácer, non se quixeron perder a estrea xunto a alumnos de 1º e 2º da ESO.

A pegada, nos libros. Alumnos e profesores do instituto traballaron en dúas exposicións, unha sobre os libros e a faceta literaria de María Victoria Moreno e outra máis centrada na súa biografía.

Cacereña afincada en Pontevedra e amante da lingua galega. A exposición sobre a biografía de María Victoria Morena a presenta como unha das «mulleres bravas da nosa historia».

Decoración exterior. O ano María Victoria Moreno está reflectido xa no exterior do instituto. A imaxe da autora en cores vivas foi unha das actividades xa realizadas no que vai de curso.

A autora como icono pop. En novembro pintouse o mural da biblioteca adicado a María Victoria Moreno. A biblioteca leva o nome da escritora, que cedeu máis de 4.000 libros. fotos emilio moldes