«Co compost quizais teñamos que replantexar o modelo e ir primeiro a grandes produtores»

Lars Christian Casares Berg
christian casares PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

RAMON LEIRO

O rexedor encara o final do mandato con pontes con «forzas afíns» da oposición e obras acumuladas

21 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando resta ano e medio de mandato, Miguel Anxo Fernández Lores (Sanxenxo, 1954) fai balance dos seus case vinte anos de goberno e dos proxectos para os próximos 18 meses.

-Que Pontevedra distinta se atoparán os pontevedreses dentro de ano e medio, con respecto á que viven agora?

-Dios mío, de agora a ano e medio. A ver, a pregunta concreta, resposta concreta. Eu creo que moi diferente, porque vai haber unha cantidade de proxectos que están neste momento en marcha... Hai xente que opina que algunhas Administracións están esperando á última parte do mandato para facer as cousas. Iso non é certo, entre outras cousas porque é complicadísimo controlar os ritmos. Unha das claves dos mandatos é controlar os ritmos, e iso é complicadísimo, porque se che atrancan as cousas, porque non saen os proxectos, os orzamentos, porque dependes de outras Administracións... Pero a realidade é que neste último tramo de mandato temos un volume moi intenso de obras, tanto pola nosa parte como por outras Administracións e polo tanto eu espero que estea rematado o acceso a Monte Porreiro -definido no 2004-, temos en marcha todas as obras de mellora do Camiño de Santiago, a ponte do Burgo, iluminación, melloras ambientais, o de Montecelo, os xulgados, o edificio de Benito Corbal. Quero dicir que hai moitas obras dentro do modelo de transformación de cidade. Quizais isto foi o que máis rápido avanzou, o centro, pero as obras que dependían doutras Administracións van un pouco máis lentas. Pero si que vai haber unha diferenza sustancial.

-E se tivera que por un titular ao mandato?

-Eu creo que este é o mandato da consolidación da proxección exterior da cidade. Tiñamos recibido premios, pero agora estamos nunha posición estratéxica da cidade, para as características que ten esta cidade, que estamos posicionados internacionalmente a todos os efectos. E estamos recibindo retornos en forma de turismo, eventos deportivos, congresos, e iso é positivo. Cada cidade ten que ter o seu obxectivo.

-Esa sería a luz do mandato, pero cales serían as sombras?

-As espinas cravadas son, como explicaría... Temos unha folla de ruta clara, pero quizais a lentidude de certas cousas. As dificultades administrativas son moitas. Hai modificacións administrativas que nolo poñen cada vez máis difícil, os recortes, a nova lei de contratación, que favorece as grandes empresas. Iso non é bo.

-O compost estaría nese saco?

-Nós tomamos unha decisión política baseada no sentido común e na recuperación do medio ambiente. Temos decidido que o tratamento de quilómetro cero dos residuos é o máis económico. Nós queremos ir a 120 euros de custo por vivenda. Non coñezo ningún sitio no que os campus ou centros como Príncipe Felipe ou a Brilat que teñan residuos cero. Temos avanzado moito, pero, claro, non vai a velocidade á que a xente lle gustaría. Quizais nós puidemos transmitir que ía a máis velocidade, ou que nos gustaría. Non queremos fracasos. Podes empezar dun xeito, pero te dás conta de que te equivocaches e entón modificas. Estamos analizando. O mellor sistema é a recollida porta á porta, pero implica un custo inasumible. Ao mellor temos que ir a unha recollida do setenta por cento. O que non entendo neste eido son as críticas destrutivas. As construtivas, benvidas sexan.

-Que pasou entón en Monte Porreiro, onde se tivo que paralizar o proxecto da compostaxe?

-Ese é un tema aparte. Cando ti falas coas asociacións veciñais e consideras que son os representantes, e logo te atopas que non é así, pois ese é o problema. Quizais nós non fomos capaces de detectar iso. Quizais temos que ir a grandes produtores, que é onde está funcionando mellor. Teremos que facer os composteiros comunitarios onde sexa posible, nos grandes produtores e ao mellor non en barrios. Podo admitir que fomos excesivamente optimistas en que isto ía avanzar.

-No final de mandato, como se plantexa a súa relación coa oposición, tralos últimos achegamentos para aprobar os presupostos?

-O normal é que certas forzas que son afíns, ou teñen máis afinidade, ou que nós gobernamos con eles noutros sitios, o normal é que se faciliten tamén as cousas aquí. Eu alédome inmensamente de que Marea permita a gobernabilidade. Logo me aledo tamén que o PSOE estea polo labor. O que non era normal era o outro. Que todos pactaran en contra dun goberno alternativo que está facendo cousas pioneiras no eido das forzas progresistas. Penso que isto foi por presións dos seus votantes e militantes. Eu entendo que se faga algo de demagoxia para diferenciarse, pero outra cousa é facer trizas proxectos positivos.

-Cara ao futuro contempla alianzas con outras forzas para seguir no goberno?

-Nós historicamente sempre facilitamos gobernos alternativos. O ideal é que teñas maioría absoluta e que non teñas que supeditar o teu programa. Nós non temos inconvinte. En cinco mandatos gobernamos solos, con apoios... Eu agradecerei sempre que o PSOE facilitase que esta cidade tivese un alcalde diferente. Somos plenamente conscientes de que non somos unha forza política maioritaria, que vaiamos a ter maioría social nin a nivel galego, nin sequera en Pontevedra. Somos conscientes de que a xente vota polo BNG en Pontevedra porque temos unha xestión e un equipo de traballo que está transformando a cidade. Sabemos que estamos recibindo votos que son de outras formacións políticas. A nosa base social non é o 40 % da poboación. A nosa base social é dun 5 ou un 10 % e logo temos que acceder a un número moito máis elevado para gobernar. Pero eu teño que dicir moi humildemente que non vexo alternativa.

«O próximo será o último mandato, seguro que si, espero que si»

Alcalde dende 1999, así ve Fernández Lores o seu futuro.

-Caso de repetir dentro de ano e medio, será o seu último mandato?

-Seguro que si. Espero que si.

-A cidade ten cambiado moito nos últimos case vinte anos que leva gobernando, pero en que ten cambiado vostede?

-Eu aprendín moitas cousas. Aprendín que unha cousa e predicar e outra dar trigo, que non é o mesmo estar na oposición criticando todo que xestionar, porque as veces tes que ser pragmático e facer cousas que che gustaría facer doutra maneira, porque tes unha lexislación que non compartes. Eu podo aducir problemas de lexislación, pero o que non podo aducir é que non teño capacidade de decisión sobre o espazo público da cidade. Se non exerces as túas competencias é unha deixadez de funcións,

-Non se me vaia pola xestión.

-Aprendín que a sociedade é moi plural, que a xente quere que a escoites, que a sociedade pontevedresa é dunha pasta especial. A xente pode entender que estou botando flores, pero non. Non me digas por que... Porque ten máis formación, porque é máis educada. Aquí se poden facer cousas. A xente é moi participativa. Eu estou moi orgulloso.

-Vostede xa dixo que se presentará ás próximas. Quen o relevará? Non me diga que hai banquillo.

-Eu non son partidario de renovar por renovar. Eu agora vou repetir porque me sinto a gusto e orgulloso e con experiencia. Pero tamén son partidario de que hai que renovarse e que non podes estar eternamente e que hai xente que te sorprende e que está con novos enfoques que che sorprenden. Si que temos que buscar e atopar xente que dea o relevo e logo os cidadáns decidirán.