A gorxa que sempre deixa espido a Marcelo

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Emilio Moldes

Músico ata a medula, defende que as cancións reflictan as penas e alegrías de quen lles pon voz

30 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Marcelo, que se pon tralo seu nome o apelido DoBode en alusión ao alcume da familia, gústalle espirse. Quizais non o faga literalmente, quitando a roupa. Ou si, habería que preguntarlle. Pero el ten unha forma moi habitual e singular de quedar espido. Faino cada vez que canta ou baila. ¿Por que? Porque, tal e como el conta de vagar, parándose moito en cada detalle que narra, el canta tanto as súas penas como as alegrías, canta todo o que lle sae das tripas, deixando espidos todos os sentimentos. «Non logro funcionar como unha gramola. Eu canto o que teño dentro e a maioría das veces a música faime sentir moi feliz e outras veces moi triste, todo depende do que me estea pasando. Igualmente, sempre teño que cantar o que me sae de dentro ese día, por iso improviso moitísimo e porque os concertos non son nunca iguais, porque depende do momento, do que me estea a pasar».

A cita con Marcelo é na Ferrería. E non se trata dun lugar escollido ao azar. Nada máis sentarse nunha das terrazas da praza, na súa mente burbullan os recordos da infancia. «Eu nacín en Pontevedra e crieime aquí, arredor deste sitio. Sempre andabamos a xogar por esta praza», recorda. Mentres volve ao pasado, xorde unha anécdota que ten moito que ver co artista que el é. Conta que os seus pais traballaban e que, cando non tiñan con quen deixalo, a súa gardería era nada máis e nada menos que unha tenda onde se vendían instrumentos. «Quedábame aí, nunha tenda que había. Medrei rodeado de guitarras e outros instrumentos e de xente tocando», explica.

Sendo xa neno, a arte empezoulle a correr polas veas. Recorda cun sorriso que cantaba na coral da igrexa de San Bartolomeu e que «ao parecer tiña unha voz que chamaba a atención, e a xente emocionábase cando cantaba o Ave María». Por se co coro fose pouco, tamén practicaba ximnasia e patinaxe artística e, sobre todo, facíalle caso ás súas tías da aldea. Si. Conta Marcelo que a súa familia vén de Aranza, en Soutomaior, e que cando de neno ía alí aprendía o cante e baile tradicional da man das súas tías. «Non me quedaba outra que bailar con unha e cantar coa outra se quería que me deran 25 pesetas», señala.

O caso é que entre unha cousa e outra o verme da música xa o tiña dentro. En plena adolescencia, e despois de entrar en contacto co grupo Gandaina, en vez de preocuparse de saír de marcha ou dos videoxogos alá marchou de ruta por Galicia escoitando a vellos tocar a pandeireta e cantar vellas coplas. Di que non o tivo doado coa familia: «Nunca lles gustou o da música. Non entendían nada do que facía, e non lles parecía normal que preferira rodearme de señoras de 85 anos antes que estar cos meus amigos», conta Marcelo. Malia esas reticencias, non houbo aldea que lle quedase por recoller. Estivo na Fonsagrada ou en Pigarzos buscando vellas coplas.

Mestre antes de cumprir os 18

Aos 14 anos xa se converteu en mestre. Empezou a dar clases de baile e pandeireta alí onde llo pedían. Era unha viaxe ao centro da música que non tiña pasaxe de volta. Pero, iso si, acabouna combinando con algo máis. Conta Marcelo que estudou Topografía e Delineación. E que non lle desgustaban estas ensinanzas. «Á fin e ao cabo trátase tamén de crear cousas, de construír, que é o que tamén se fai coa arte», di el. O caso é que nada máis terminar os estudos comezou a traballar de xefe de obra pública. E aí botou uns cantos anos. Ata que a música, esa que o perseguiu sempre, lle dixo que ata aí podían chegar, que ou con ela ao 100 % ou sen ela. E foi con ela. «A Xunta chamoume para ir dar clases de baile e de pandeireta a Venezuela, a centros galegos e a verdade é que foi unha experiencia impresionante. Naquel entón decateime de que eles ían por diante nosa nunha cousa. Eran capaces de bailar pasos de muiñeiras ou xotas mesturándoas con músicas moito máis contemporáneas. Foi algo que non esquecerei».

Xa de volta, centrado totalmente na música, Marcelo estivo e está nunha morea de proxectos que case é imposible numerar. Formou con varios homes máis un dos primeiros grupos de pandereiteiros, chamado O Tear de Llerena. É un dos mestres da escola de música municipal pontevedresa Danza en Bruto, Arte e Percusión, onde está empeñado en demostrarlle aos nenos que para bailar e cantar música tradicional non fai falta poñerse nunha fila e levantar os brazos, que as muiñeiras e xotas son moito máis e as poden crear eles mesmos. «Quero amosarlles que poden ser felices coa música, que non hai imposicións polo medio, que o importante é o que a eles lles saia de dentro e que poden bailar e cantar como, cando e onde queiran», di Marcelo cun sorriso enorme. Fala así e nese momento as pombas da Ferrería, como se estivesen oíndo, levantan voo. El tamén fixo un pouco o mesmo que as aves. Vive agora en Aranza, no rural. Apartado do ruído. E rodeado soamente por música.