«O proceso de espera pola renda é desesperante, á xente acumulánselle as débedas, é horrible»

m.h. PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

22 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen se encarga de tramitar a Risga son as asistentes sociais dos concellos. Pero hai entidades, como o caso de Boa Vida, que fan de ponte entre o solicitante e a Administración. Pepa Vázquez, como traballadora social da oficina de dereitos e deberes da citada entidade, atende a numerosas persoas que queren pedir a Risga. Di que non é doado o proceso.

-¿Como é o procedemento para solicitar unha Risga?

-Nós acompañamos ás persoas, axudámoslle a reunir a documentación e miramos con eles os requisitos. Non é un proceso doado, porque por exemplo residir nunha vivenda legal é algo que parece sinxelo, pero que no caso das persoas que viven na rúa non o é. E tampouco é fácil para quen por exemplo vive nunha habitación de aluguer, porque moitas non están dadas de alta e o propietario non lles deixa dar ese enderezo. É complicado.

-E unha vez que están os papeis en marcha, ¿como vai a espera?

-O proceso de espera pola renda é desesperante, á xente acumúlanselle as débedas, é horrible. Son persoas en situacións moi, moi vulnerables. É unha carreira de obstáculos, nas que ás familias lle pasan cousas tremendas. En teoría agora mesmo reduciuse a espera, pero ás veces os trámites tardan. Vémolo con demasiada frecuencia.

-O número de beneficiarios da Risga aumentou neste último ano en Pontevedra, ¿segue aumentando a pobreza?

-Non o digo eu, hai informes que así o constatan: Pontevedra é a cidade máis pobre de Galicia, un 21 % das persoas están en risco de exclusión social.