A Federación premia a media ducia de padexeiros e clubs pontevedreses

Camila Morison (Sub-23), Carla Frieiro (Xuvenil) e o Breogán encabezan a presenza local no listado de galardóns que serán entregados en Ribadumia na gala do 16 de decembro


vilagarcía / la voz

A Federación Galega de Piragüismo presentou onte no consistorio de Ribadumia a Gala do Piragüismo Galego 2017. Unha cita que se celebrará na mañá do sábado 16 de decembro no auditorio da localidade do Salnés, e cuxo principal atractivo será, como é tradición, a entrega dos galardóns cos que a Fegapi recoñece os mellores deportistas, adestradores, clubs e demais persoas e entidades que destacaron ao logo da última tempada no deporte da pa. Uns galardóns que onte se desvelaron con nomes e apelidos, nun listado inusualmente extenso. A razón, explicou o presidente da Federación Galega, o grovense Fredi Bea, a necesidade de facerlle xustiza ao extraordinario ano de éxitos colleitado polo piragüismo galaico. Cunha ducia de padexeiros e de clubs arousáns e seis da capital do Lérez figuran entre os 28 premios e accésits concedidos, salientando o acaparamento das distincións individuais femininas polas padexeiras de ambos puntos.

Teresa Portela (Ría de Aldán), canguesa afincada no Grove, recollerá o premio á mellor deportista feminina sénior polo seu triunfo na Final B do K-1 200 do último Mundial de Pista. Galardón que na categoría masculina foi parar a Rodrigo Germade (Ría de Betanzos), campión no K-2 500 e subcampión no K-4 500 do Mundo, e a Cristian Toro (Fluvial de Lugo), subcampión mundial de K-2 200 e do K-4 500.

Camila Aldana Morison, do Náutico Pontecesures, consolídase como unha das protagonistas habituais da Gala do Piragüismo Galego, mellor deportista feminina Sub-23 do 2017 polo seu subcampionato do Mundo da categoría no K-2 500. Outra prata mundialista, no K-4 500 Xuvenil, fará subir a catoirense Carla Frieiro (As Torres-Romaría Vikinga) ao estrado do Auditorio de Ribadumia no prazo dun mes xunto coa súa compañeira de barco Carolina García (Escuela Piragüismo Ciudad de Pontevedra).

O piragüismo arousán e pontevedrés tamén comparten laureis autonómicos no accésit á mellor deportista feminina xuvenil, que levaron as subcampioas do Mundo no C-2 200 María Pérez (Náutico O Muíño) e Antía Jácome (E.P.C. Pontevedra), e no Premio Especial Xunta Directiva, concedido á media ducia de canoístas galegos que se colgaron medalla no Europeo e no Mundial de Maratón: Tono Campos e José M. Sánchez (Breogán do Grove), o illense Ramón Ferro (Kayak Tudense), os pontevedreses Óscar Graña (K. Tudense) e Jénifer Casal, e o tudense Manuel Garrido. Manuel Fontán (N. O Muíño) e Noel Domínguez (Breogán) comparten á súa vez o accésit ao mellor deportista masculino xuvenil con David Barreiro, co compañeiro deste no Rodeira Pablo Graña levándose o galardón da categoría. Miguel A. Villanueva (E.P.C. Pontevedra) foi considerado o mellor adestrador á par do equipo técnico do Kayak Tudense.

Por clubs, o Breogán do Grove recollerá en Ribadumia o premio ao mellor equipo a nivel nacional feminino como campión da Liga Nacional Olímpica de Esprint e da Copa da S.M. a Raíña, cas Torres levándose un accésit por rematar terceiro na Liga Nacional Feminina, sendo o Kayak Tudense o mellor equipo masculino a nivel nacional absoluto. Ao mesmo nivel, pero en promoción, a E.P.C. Pontevedra fíxose co galardón como campión da Liga Nacional de Jóvenes Promesas, con accésit para o Náutico Pontecesures polo seu subcampionato nesta última.

Na longa lista de premiados figura tamén a Deputación Provincial de Pontevedra, que como a de Lugo será distinguida como mellor colaborador institucional. A Suso Morlán e José Antonio Fernández Mus imporáselles a insignia de ouro da Federación Galega.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

A Federación premia a media ducia de padexeiros e clubs pontevedreses