Carlos Casares e a súa forma de ver a vida

PONTEVEDRA CIUDAD

Emilio Moldes

O Edificio Sarmiento do Museo acolle desde onte a exposición «Os mundos» do escritor das Letras Galegas deste ano

09 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Para min a literatura consiste en ver a vida, en sorprender á vida e en contar a vida». Esta frase preside a exposición Os mundos de Carlos Casares que repasa a traxectoria vital do escritor ourensán desde a perspectiva máis persoal ata a máis profesional e literaria.

Esta mostra itinerante, inaugurada onte no edificio Sarmiento do Museo, pon o broche a un ano de homenaxes á figura das Letras Galegas 2017, achegándose á relación que o escritor tiña co mundo no contexto cultural e no contexto humano, desde dentro e fóra de Galicia. Promovida pola Fundación Carlos Casares coa colaboración da Consellería de Cultura, da Deputación e do Concello de Pontevedra na súa parada nesta cidade, e baixo o comisariado de Gustavo Garrido e Chus Martínez, a montaxe mergulla ao espectador nunha sucesión circular de espazos simbólicos: Paisaxes, Luzadas, A Viaxe, Conviña e O Redondel, que van explicando as cuestións fundamentais da súa vida, da súa produción literaria e do seu compromiso co pais e as súas xentes.

O legado do escritor está presente nesta exposición a través de escenas familiares da súa infancia, que transcorreu nun ambiente de posguerra civil, tempos nos que as noticias novas e vellas chegaban en forma de relatos de sobremesa, moitos deles incorporados nas novelas e contos do futuro escritor.

A vista está a súa etapa de poeta universitario, os seus amigos, os libros prohibidos que lle mercaba ao libreiro Hernández na Rúa do Vilar de Santiago, o contacto con Luís Tovar, Vicente Risco e Ramón Piñeiro, o seu «segundo pai», a mítica conferencia de López Aranguren, referente ético de moitos mozos da aquela época, e a voz Raimon, símbolo da resistencia e da protesta estudantil.

En Os mundos de Carlos Casares están os seus primeiros pasos como profesor, as primeiras mostras narrativas do mozo escritor, Vento ferido e A Galiña Azul. Tamén a primeira obra de teatro para cativos en lingua galega, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, ilustrada por Luís Seoane. E os manuscritos doutras novelas importantes que marcaron un tránsito na súa forma de escribir: Xoguetes para un tempo prohibido e Ilustrísima.

O encontro coa muller da súa vida, Kristina Berg, as primeiras viaxes por Europa, os seus inicios no xornalismo literario, o oficio de editor, o seu discurso de ingreso na RAG, a súa etapa como parlamentario, a presidencia do Consello da Cultura Galega... Nada falta neste repaso á traxectoria vital de Carlos Casares, conformado ata o máis mínimo detalle por centos de cartas, manuscritos, libros, fotografías e obxectos cotiáns que invitan ao espectador a saciar a súa curiosidade sobre a maneira de ser e pensar desta figura das Letras Galegas.

Casares era un coleccionista do minucioso e tiña debilidade polos trens, as cámaras fotográficas e as estilográficas, tamén presentes nunha mostra expositiva que ademais conta cun coidado soporte audiovisual.