O profesor que ensinou con alma labrega

O docente empeza unha nova etapa tras aprender moito dos alumnos, que son «os que tiran do centro»


pontevedra / la voz

Para Xosé Manuel Calvo Muras (Forcarei, 1956) son días de sentidas emocións. A pegada que deixa este profesor de Galego tras 35 anos de ensinanza no IES Sánchez Cantón de Pontevedra é grande e son moitos os que lle escriben con motivo da súa xubilación. Home discreto e conciliador onde os haxa, préstase para a reportaxe para «dignificar a profesión», di. Para el a que exerce é «a máis bonita do mundo». A súa filosofía de vida marcou o discurso que fixo nun xantar-homenaxe no Parador o pasado 29 de xuño. «Notariades que non falei de decebés [hoxe currículo Lomce], de estándares de aprendizaxe, de libros de texto, das varias leis de educación que sufrimos en trinta e cinco anos, do delicado momento que estamos a atravesar. Esas non son pedras; máis ben, pedradas que non han de interromper o noso camiño».

E é que así é este docente. É desas persoas que prefiren quedarse co bo, sempre coas lecturas positivas. Ten un grato recordo da maioría dos estudantes que pasaron polas súas aulas. Tanto é así que asegura que «é o alumnado o que tira do centro». No Sánchez Cantón tamén. A pesar do que poidera parecer, para Xosé Manuel a súa profesión non ten practicamente sinsabores. «En todos estes anos tiven moi bos estudantes e mínimas faltas de respecto. Unha que me doeu foi a dun alumno que saquei ao encerado e escribiu por riba doutro compañeiro. Anos despois traballaba en Afar e atendeume con corrección», lembra. As desculpas non fixeron falta.

Dos anos de docencia leva para a casa e para vida a mellor das leccións. «Aprender é recíproco en galego. Os alumnos aprenden e o profesor tamén», sinala. ¿Que aprendeu deles Xosé Manuel?, se lle pregunta. «Os alumnos dan mocidade, estante renovando constantemente. O que aprendín é que non hai que ter certezas e estar sempre disposto a empezar, a escoitar. Ser unha esponxa como son eles», conta. Destaca o valor que ten que mozos estean oito horas escoitando con atención. «Cando un rapaz non está centrado o problema está na casa e aí todos temos que botar unha man».

El, que se criou na aldea e se considera un «neno labrego», impartiu clase de galego nun instituto urbano donde a maioría dos alumnos non son galegofalantes. «Non teñen prexuízos contra o galego, pero con tres horas de clase á semana pouco se pode facer. É unha lingua minoritaria para eles, pero no instituto facemos unha semana en galego e valoro o esforzo que fan», matiza. Xosé Manuel ten claro que o futuro do galego ten que ver co enfoque. «As políticas lingüísticas son importantes, ter máis medios, máis vontade política... pero sen imposicións. O galego é a nosa lingua, pero na esfera privada a cousa cambia, ¿é a miña?», deixa para a reflexión. O que defende este mestre é o feito de falalo aínda que sexa mal. «Hai que empezar a falar e escribir mal para falalo ben», afirma. Ante as sucesivas normativas, sostén que «o galego ten que camiñar cara o portugués».

A aldea

Nesta nova etapa vital, Xosé Manuel Calvo pretende dedicar máis tempo á familia e a ler. El nunca perdeu o contacto coa aldea e o campo, aínda que recoñece que hoxe ten un sentimento de certa pena. «A de labrego é outra profesión desprestixiada. Eu ía á aldea todas as fins de semana. Os meus pais teñen 90 anos e é unha pena ver o que lles pasa aos pobos, van quedando sen xente, sen vida...».

Subliña que cando falta a xente se perde todo. «Pérdese a lingua, os incendios... Hai unha falta de arraigo e de orgullo. A min dame pena porque son un namorado do campo». Xosé Manuel emociónase ao falar da súa nai. Dela garda unhas palabras que sempre ten moi presentes e que aplica tanto na aula como na vida. «A miña nai dicía que hai que falar do bo para evitar o mal. O máis nobre é dedicarse aos demais. Cada vez que pos unha pedra no camiño estás provocando unha caída». Xosé Manuel, ao que chamaban Mendinho, seguirá xogando ao fútbol-sala na «pachanga» de profes e exalumnos. Como hai trinta anos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
40 votos
Comentarios

O profesor que ensinou con alma labrega