«Ás veces non é fácil saber se un está afectado ou non»

m.?h. PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

M.MORALEJO

26 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Alfonso Diéguez, aínda que é un técnico -é o xefe da oficina de Consumo de Pontevedra- foxe de palabras difíciles á hora de falar e aporta unha mensaxe clara cando se lle pregunta polas cláusulas chan. Di que na oficina pontevedresa que dirixe hai unha avalancha de consultas e conta como están a facerlles fronte.

-Estanlles a chegar numerosas consultas de cidadáns polas cláusulas chan. ¿Hai pouca información ao respecto?

-Vemos que hai moita xente confundida, pouco informada. Iso si que o notamos. Nós o primeiro que lle dicimos é que teñen que saber se están ou non afectados e, no caso de estalo, presentar reclamacións na súa entidade bancaria.

-¿É fácil saber, mirando as escrituras, se unha hipoteca ten ou non cláusulas chan?

-Ás veces non é fácil saber se un está afectado ou non, depende das escrituras e de como estean redactadas. Nós mirámosllas a algunhas persoas, aínda que tamén é certo que en Consumo tampouco todos somos especialistas neste tema. É convinte, ademais de dirixirse a nós, acudir ao banco para informarse e presentar as reclamacións se é preciso.

-¿Tamén lles preguntan polos gastos de xestión das hipotecas?

-Menos, pero si nos preguntan. Nese caso hai moitos máis afectados, e tamén se pode reclamar ante a entidade bancaria.