Á procura de novos xenios da literatura en Pontevedra

Fanpa, Concello, Deputación e Kalandraka abren unha nova edición do Certame de Relato Curto


Pontevedra / La Voz

Fomentar a creatividade no alumnado, potenciar a expresión e comprensión escrita, estimular o uso do galego nas familias, facilitar as posibilidades de publicación a novos creadores, apoiar os escritores noveis e afeccionados e crear un espazo común e familiar para a creación literaria. Todos estes obxectivos inclúense na convocatoria da quinta edición do Certame de Relato Curto, que promove a Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (Fanpa) coa colaboración do Concello de Pontevedra, a Deputación Provincial e a editorial Kalandraka.

Por se houbera algún despistado, a propia organización explica no folleto coas bases qué é o que entende por relato curto: unha peza «que narra unha historia ficticia nun pequeno espazo de tempo, con poucos personaxes, con descricións breves e escasas divagacións. Mostra o que ocorre e ensina a historia a través da acción estruturada en tres partes (introdución, nó e desenlace) deixando ao lector que deduza parte dos feitos e que se atope cun final inesperado».

O Certame chega este ano a súa quinta edición. Os potenciais concursantes seguen a ser os mesmos que sempre, alumnos de centros educativos públicos da provincia repartidos nas categorías de Primaria, Secundaria e Bachelerato e Formación Profesional; e máis unha cuarta categoría de adultos, na que poden concorrer profesores e familiares dos alumnos.

Os relatos deberán ser orixinais, inéditos, non premiados noutros certames, de temática libre e escritos en lingua galega.

A extensión das pezas ten que estar entre as 200 e as 300 palabras, e hai que presentalas na fonte «Times New Roman», de tamaño 12 puntos e interliñado de 1,5 liñas. Enviaranse en arquivos en formato .doc, .docx ou .odt ao enderezo de correo electrónico certame.relatocurto@nontedurmas.org. O prazo para a entrega de relatos remata o 28 de febreiro. As bases completas están publicadas na web da Fanpa, nontedurmas.org.

Premios

Haberá 120 finalistas, trinta por cada unha das categorías. Todas estas pezas serán recollidas nun volume que incluirá tamén un relato feito expresamente para o certame polo escritos Xabier P. Docampo.

Ademáis, o gañador de cada unha das categorías recibirá un vale de 200 euros para a compra de material escolar, un lote de libros da editorial Kalandraka, un xogo e unha lámina do ilustrador Xosé Cobas.

Este ano hai unha novidade, da que falou onte o presidente da Fanpa, Rogelio Carballo: os autores dos cinco mellores relatos en cada unha das categorías poderán participar no mes de xuño nun obradoiro de creación literaria que impartirá a Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Á procura de novos xenios da literatura en Pontevedra