«Imos de negro para resaltar o texto»

Arume non quere rematar o ano 2016 sen completar a súa homenaxe ao teatro con Cervantes, Shakespeare e Valle Inclán


Pontevedra / La Voz

Juan García Lorenzo (Pontevedra, 1957) e o resto de Arume leva tres meses argallando a obra que completará a homenaxe aos grandes dramaturgos da historia. Esta noite, ás 21 horas no Principal, tócalle a Cervantes-Shakespeare-Valle Inclán. E moi solidariamente. A entrada é de balde, pero recadaranse cartos para que Manos Unidas axude en Haití.

-Ademais do seu talento, ¿que teñen en común os tres literatos?

-A paixón polo teatro.

-¿Como se homenaxea a tres escritores desta talla?

-O ano que vén nós facemos corenta anos, e queríamos facer tamén algo especial a estas persoas que foron todo no teatro español (galego, como Valle Inclán, ou inglés, como Shakespeare), e todos a nivel universal, porque son tres pesos pesados do teatro mundial. A Castelao xa lla fixemos no verán, en agosto, cun trociño de Os vellos non deben namorarse, e queriamos que os outros tres grandes tiveran tamén o seu pequeno recordo dende Arume, coas nosas posibilidades limitadas.

-Entre Shakespeare e Valle, ¿quen tiña máis retranca?

-Cada un ao seu estilo. Valle ten a retranca galega, e Shakespeare a flema inglesa. Son tres grandes coa súa forma de entender a vida, pero que si aportan cos seus escritos moito á humanidade enteira. Son universais os tres.

-Es un duelo interesante...

-Si. Cada un pertence á súa época e ao seu mundo. Hai que ter en conta que o século XVII non é o XX. Cada un tiña o seu entorno social, problemas persoais...

-Se se lles xuntara nunha obra, ¿como se titularía?

-O gran teatro do mundo, aínda que xa o puxo Calderón, pero sería unha cousa así. Non ten nada que ver o contido, pero sería O gran teatro do mundo, ou O teatro e o mundo, ou algo así.

-A xente que se achegue mañá, ¿que vai ver?

-Como facer un vestiario acorde se nos escaparía do presuposto, optamos por ir todos de negro, para que así realmente sexa practicamente o texto o que teña o protagonismo total. O nó é un suposto traballo que unha rapaza ten que facer para o instituto que toca as obras destes grandes dramaturgos. Seu pai vaille contando fragmentos de cada unha delas, e iso é o que vai ver o público, fragmentos de Romeo y Julieta, Hamlet, o gran Teatro do mundo, Don Quixote (cando a Sancho Panza o nomean gobernador da Ínsula Barataria), e un entremés enteiro de Cervantes (os seus dous divorcios), e para rematar un fragmentiño de Luces de Bohemia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Imos de negro para resaltar o texto»