Un Culturgal para todas as idades

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

CAPOTILLO

A Feira das Industrias Culturais non perde de vista aos nenos programando para os cativos toda clase de actividades

03 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Culturgal, que onte arrancou no recinto feiral de Pontevedra é a gran cita da industria cultural de Galicia. Non cabe dúbida de que é, precisamente, a industria no seu máis amplo sentido da expresión a protagonista desta cita e como tal non perde de vista a un dos seus públicos máis importantes: o infantil.

É por iso, que xunto con eventos nos que se desbrozan todo canto ten que ver cos fenómenos culturais galegos ou nos que se presentan creacións artísticas en diversos eidos -literario, cinematográfico, musical...-, programáronse una serie de eventos dirixidos aos máis cativos. Así, na xornada inaugural desta novena edición, os pequenos tiveron ocasión de desfrutar coa presenza dalgúns dos seus personaxes televisivos favoritos. Alí estaban o Xabarín, Shin Chan ou Doraemon.

Pola súa banda, os adolescentes tiveron ocasión de coñecer en primeira persoa a dous dos autores que máis tirón teñen entre o público xuvenil. Ao fin e ao cabo, Iria Misa alzouse este ano co Premio Xules Verne de Literatura Xuvenil con Xa non estou aquí, mentres que David Pérez Iglesias e a súa novela Todo o tempo do mundo fixeron o propio co Premio Merlín de Literatura Infantil.

Programa de hoxe

Está claro que esta mesma filosofía vaise manter tanto hoxe como mañá. De feito, ademais de entregarse o Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Meiga Fora a Héctor Cajaraville, o Concello de Pontevedra aproveitará para presentar o dezaoito Salón do Libro Infantil e Xuvenil.

E si de presentaciones se trata, o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, aproveitará a xornada deste sábado para presentar publicamente as distintas actividades e iniciativas enmarcadas no Ano do Patrimonio que se desenvolverá no 2017. No Culturgal, a Deputación Provincial está presente cunha serie de proxectos, algúns dos cales xa puideron verse onte, caso do mapa do patrimonio. Trátase dun plano da provincia onde se recollen ata catrocentos elementos patrimoniais de toda índole, dende os clásicos petróglifos ata distintos pezas de carácter etnográfico ou contemporáneo.

A Feira das Industrias Culturais, de igual modo, non é allea a un dos fenómenos literarios dos últimos anos: a explosión da novela histórica. Deste xeito, os autores Alberto Canal -O amor nos escuros días de Birkenau-, Manuel Gago -O anxo negro- e Ramón Nicolás -O espello do mundo- manterán un encontro para analizar a evolución deste xénero.

En canto aos espectáculos, tres son as citas desde Culturgal. Si onte conmemoráronse os quince anos de SonDeSeu, unha cita na que estaba previsto se contase con Rosa Cedrón, hoxe está programado Paralaia 20, co que Xosé Manuel Budiño celebra o vinte aniversario do disco co que deu inicio á súa aventura en solitario. Xa o domingo, e coa mirada posta nos máis mozos, desenvolverase o proxecto María Fumaça.