«A poesía é bipolar: ninguén a le pero todos admiran o seu estilo»

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

. capotillo

O quinto Obradoiro de Tradución Poética, «Con barqueira e remador», celebrarase do 17 ao 22 en San Simón

12 oct 2016 . Actualizado a las 05:35 h.

Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974) abriu onte o quinto Obradoiro Internacional de Tradución Poética que se celebra en San Simón coa presentación de A illa curiosa e a tradución do universo.

-Hai unha corrente da tradución que aposta pola literalidade, e outra polo significado. Para a poesía, ¿a rima ou o espírito?

-Que rime é unha opción para a poesía con rima, pero o primeiro é coller o espírito, é o máis importante para min, o contido. E despois, a forma, tratar de imitala, de ser o máis fiel posible ao orixinal xa é un retrúcano máis no que hai que ter máis oficio. O máis sinxelo é ser o máis literal posible, e na poesía non se trata de ser literal, senón de ser ás veces case intuitivo ou pillar o sentido poético. E tratar de velo no teu idioma, ver como soa na túa lingua, un exercicio de coñecemento da propia lingua, aparte da lingua na que está o poema.

-¿Son bos tempos para a poesía?

-¿Por que non? (Ri) Son bos tempos para todo o que ven estando en crise e esvaecendo dende hai séculos, co cal creo que si. A poesía sempre foi así, algo quizais máis marxinal que parece que sempre está pedindo perdón por existir, pero sen embargo, que tamén goza dun certo prestixio. É un pouco bipolar: por un lado ás veces é una cousa que non vale para nada, que ninguén le e ninguén compra, pero por outro lado case toda a xente admira o estilo poético e soe recoñecelo. E non só a que escribe, penso que todo o mundo ten un instinto poético, que está presente en moitísimas manifestacións sociais e culturais.

-Pontepoética, o obradoiro de tradución poética... ¿É Pontevedra unha excepción?

-Parece que un pouco si, concéntrase bastante xente e iniciativas poéticas por aquí, que igual noutras localidades de Galicia non é así. Non sei de que dependen, supoño que de que haxa unha certa complicidade tamén con instancias culturais e políticas da propia cidade, pero benvido sexa. Mentres dure creo que iso tamén pode achegarse a outras manifestacións que non sexan poesía. A min gústame mesturar, por exemplo, ciencia con literatura.

-¿Que fai especial esta cita?

-Primeiro a miscelánea, a macedonia total de voces e de cultura, de xente que se dá cita nun entorno, nun lugar moi especial, A Illa de San Simón, pola súa historia, paisaxe e enclave. E estar alí, illados, con wifi eso si. Pero só podemos entrar e saír da illa con axuda do barqueiro e unhas veces ó día. Estamos confinados como antigamente estiveron os leprosos, os presos, os orfos ou os templarios. É que foi de todo... Como todos eses personaxes, estamos unha serie de persoas aí reunidas, e cada un ven de lugares bastante remotos ás veces, e confluír xuntos, entablar amizado ou complicidade, é un gozo e un privilexio. É moi peculiar.