O coleccionista dos vehículos clásicos

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

RAMON LEIRO

O empresario pontevedrés Ramón Agra posúe unha trintena de automóbiles, entre os que hai camións e, incluso, un autobús, que posteriormente restaura

26 sep 2016 . Actualizado a las 17:15 h.

Defínese como un pequeno empresario de Pontevedra con trinta anos de experiencia as súas costas no campo da xestión dos residuos, unha labor que Ramón Agra compaxina nestas dúas últimas décadas co coleccionismo de vehículos clásicos. «Tiven épocas boas e estou tendo unha época mala», reflexiona, mentres a súa mirada se posa nos automóbiles que garda ao aire libre nunha finca nas inmediacións da piscina de Pontemuiños.

Pero, ¿como xurdiu este pasatempo? No caso de Ramón Agra foi consecuencia de buscar algo co que «matar o tempo que había libre os sábados e os domingos. Logo iso foi a máis e ata o día de hoxe». E pese a que xa pasaron máis de vinte anos, aínda ten moi vívido o momento no que adquiriu o seu primeiro coche, un camión de la marca Chevrolet de dúas toneladas de 1927 e que se empregou nunha fábrica de gaseosas para o reparto das bebidas. «É curioso porque teño outro máis, pero moito máis novo, que veu de Arcade tamén dunha fábrica de gaseosas. E o segundo camión que tiven o comprei a unha fábrica de fariña do Concello de Vilar de Barrio, en Ourense. Tróuxeno e aínda estou a restauralo», di.

Na actualidade, a súa flota componse de 31 vehículos, entre os que hai un autobús adquirido en Portugal e varios camións, dos cales so un carece de documentación -«non o vou reparar», sinala-. Entre estes últimos atopase a peza máis antiga da colección deste empresario pontevedrés, un Fiat de 1926. «Pertencía a unha empresa de Sanxenxo, que xa non existe. Está para rematricular. É moi bonito», destaca ao tempo que asegura recordar a historia de todos e cada un destes coches, así como toda clase de detalles relativos aos seus anteriores propietarios. «Moitos deles teñen toda unha historia familiar detrás», matiza.

Proba disto foi a compra que máis lle tocou a fibra, a dun Austin do 1938 que adquiriu en Uruguai por novecentos dólares. «Era un señor de noventa e tantos anos, moi alto e que vivía so, que me dixo que lle acababa de solucionar a vida ao mercarlle o coche. Aquilo impactoume porque me mostrou a miseria que hai no mundo e iso que tiña que haber sido unha familia ben porque me contou que o comprara novo, pero o mundo dá tantas voltas».

Tamén do estranxeiro procede un turismo construído na antiga Alemaña do Leste, se ben o seu anterior dono residía en Vigo. «Era un señor que media metro e noventa e pico, e vendeumo porque non cabía dentro del», rememora entre risas.

Unha vez mercado cada automóbil comeza o que para Ramón Agra é o máis laborioso: a súa restauración. Sostén que «o máis complicado é atopar os recambios. As veces non hai e temos que facer as pezas e xa non hai moita xente que as faga. As veces hai que facelas en Uruguai, Arxentina, Portugal ou aquí». E claro está, «diñeiro non sobra».

O primeiro vehículo que recuperou foi o camión Chevrolet co que inaugurou a súas colección. Levoulle moito tempo, pero, como el mesmo recoñece, permitiulle ir aprendendo de errores.

Xunto cos cartos, tratase dun hobi que lle rouba moito tempo. Por iso, asume que a súa familia non comparte o seu entusiasmo polos clásicos. De feito, o seu fillo xa lle ten avisado que, «o día que eu falte, vai por un letreiro. Imaxino o que vai dicir, pero el nunca mo dixo». En toco caso, recoñece que os seus achegados, en moitas ocasións, teñen razón «porque son moitas as horas que un pasa aquí e as veces tamén se escapa algún diñeiro que, ao mellor, se podía meter noutro lado. Iso si, que quede claro que á familia non lle pido diñeiro ningún, que sempre é do soldo meu».

Noutro lado da balanza, a satisfacción de gozar cunha colección de vehículos únicos. «Xa non só é ensinalos, é reparalos», apunta Ramón Agra, quen non oculta que non lle desgusta, nin moito menos, cando a xente piropea os seus automóbiles. A fin de contas, a diferenza doutras coleccións que permanecen ocultas en garaxes, parte da deste pontevedrés pódese contemplar dende a vía pública.