«Hai poesía na letra das cancións, na música, o cine e os eslóganes»

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

<span lang= gl >Yolanda Castaño coordina Pontepoética, o festival que cumple hoxe seis anos</span>
Yolanda Castaño coordina Pontepoética, o festival que cumple hoxe seis anos . josé m. casal< / span>

Pontepoética chega esta fin de semana á súa sexta edición con propostas que queren romper os prexuízos que a rodean

15 abr 2016 . Actualizado a las 05:15 h.

Yolanda Castaño (Santiago, 1977) asegura que Pontevedra é unha cidade de canteira, aberta sempre á cultura.

-O de Pontevedra é o único festival de poesía de Galicia...

-Estrito senso, hai dous máis: a Semana Salvaxe de Poesía de Ferrol, que é menos formal, e o de Salvaterra, no que se lle dá máis importancia á musica, e a poesía é máis anecdótica. Por iso nós o entendemos como o principal festival de poesía de Galicia, ou un dos dous. Xa ten seis edicións e está consolidado, ten no Teatro a súa sede principal e convida sempre cinco artistas da península Ibérica máis un dalgún outro país de Europa. É unha fin de semana para compartir, achegarse ao poder e á fonda expresividade da palabra, e capaz de demostrar que pode seducir moito máis do que pensamos.

-Que sexa o principal de Galicia, ¿é mal sinal?

Pontevedra sempre foi un lugar de canteira, de fonda raigame literaria, e continúa a ser de maneira moi puxante unha cidade moi aberta á cultura, moi inqueda ou con moi boa resposta, con esa curiosidade agarimosa coa sempre nos agasalla un público que é crecente de ano en ano.

-¿Por que Pontevedra, sendo unha cidade pequena?

A cidade alenta unha sensibilidade grande, moi palpable. É moi palpable a resposta do público noutros eventos importantes que teñen lugar dunha maneira moi tradicional, moi visible e moi exitosa en Pontevedra, como o Salón do Libro ou Culturgal. Aí é cando a cidadanía pontevedresa demostra o seu alto nivel cultural, a súa sensibilidade, e esa curiosidade. Achégase ás diferentes propostas dándolles sempre unha boa oportunidade, sempre con espíritu crítico pero con xenerosidade tamén.

-Di que o público é crecente. ¿Está de moda a poesía?

Non vive un mal momento. Dende logo, temos que abrir a nosa ollada. Non podemos ter unha mirada estreita e moi suscrita ao xénero literario que aparece neses libros minoritarios, senón que abrimos a nosa ollada e aprendemos a descubrir esa linguaxe poética máis aló deses versos máis ortodoxos. Podemos descubrila ás veces onde menos esperamos: hai poesía na letra das cancións, na música, mesmo no cine, na publicidade, nos eslogans e, dende logo, na linguaxe cotiá. Hoxe hai propostas poéticas ou que participan do poético que establecen diálogos expresivos moi interesantes con outras linguaxes creativas, como a música, o audiovisual, as novas tecnoloxías e as redes sociais. E hai quen está a revolucionar o mundo da poesía facéndoa convivir co humor, a expresividade e a música.

-¿Contra que clichés loita?

Hai unha serie de prexuízos que pouco a pouco empezamos a rachar; por exemplo, ese carácter minoritario, difícil. Paga a pena deixarse enchoupar pola súa mensaxe, sen ter que obsesionarse con entender palabra por palabra. Tamén o prexuízo de pensar que é algo moi solemne, grave e mesmo choromica, cando a contemporánea é aberta, diversa e dinámica.