A feira das industrias culturais de Galicia a ollos de dúas nenas

cristina barral texto PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Mariña e Daniela, dúas rapazas de 10 años, comparten a súa visión do salón, que se pode visitar ata este domingo

05 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Daniela Sánchez e Mariña Nimo están coa súa clase no Espazo Foro de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia que arrancou onte en Pontevedra. Co permiso da súa mestra, estas dúas rapazas de 10 anos que estudan 5º de primaria no CEIP Manuel Vidal Portela acompañan a La Voz nun percorrido polo salón. Non é a primera vez que asisten. ¿Sabedes o que é Culturgal? «Exactamente non, pero o ano pasado había contacontos, xente tocando a guitarra e tivemos que facer un poema con palabras», di Daniela.

A ela gústanlle as cores do Culturgal. A primeira cousa que lles chama a atención é o croma do stand da TVG. Mariña, que de maior quere ser xornalista deportiva, non o pensa dúas veces. Senta na silla, deixa que lle poñan un micro e se atreve co telepronter. O fondo verde muda polo habitual do telexornal e locuta unha nova meteorolóxica. «Aquí como nas pelis todo é mentira», lles conta un técnico.

Os zocos de EFerro e as pandeiretas de Sanín Instrumentos tamén lle merecen comentarios. Unha foto de Xosé Neira Vilas chama a súa atención. «Vimos unha obra sobre o libro Espantallo amigo e ía vir ao colexio, pero xusto ao día seguinte morreu», lembran. Un cartel coa lenda «Escena galega» motiva outra parada. ¿Que é? Preguntan. «É unha asociación de compañías de teatro infantil e de adultos, de danza. Unha asociación de artes escénicas, de todo o que sube a un escenario. Pertencen 38 en Galicia», lles explican amablemente.

A rede laboral Argo Navis esperta a súa curiosidade. Son de Bueu e estréanse no Culturgal. Daniela e Mariña aprenden o que é o coworking. «Para aforrar cartos e facernos máis fortes xuntámonos un grupo de persoas». ¿E sodes toda esa xente?, pregunta Mariña. «Dezaseis, e sete socios fundadores». Como agasallo recibe unha gominola azul con forma de estrella. Daniela non pode porque é celíaca.

Onde máis rin é no stand de Os da Ría, un grupo cómico musical que fala en «galegueiro». Presentan na feira o seu «disco póstumo» e como exemplo cántanlle o himno galego con ritmo mexicano. Daniela, que quere ser deseñadora de interiores, se interesa por Barafunda, unha empresa de animación cun coidado expositor. Algo estraño lles resulta atopar os postos das Deputacións da Coruña e de Pontevedra. Confesan que non saben quen é Castelao. Máis vida teñen os Espazos Carpa e Infantil, a piques xa da inauguración oficial.

Ademais de discos, libros, editoriais, artesanía, espazos para xogar e presentacións de todo tipo en vivo, en Culturgal tamén se come. As rapazas chegan aos dous camións de El Rincón de los momentos e Con la cocina a cuestas, que están ao fondo do Recinto Feiral. A cafetería recreada nun antigo convento, porque como di Juan «a cultura tamén é unha relixión», sorprende a Mariña e Daniela. «O camión ten de todo, forno, prancha, e levamos a comida ao onde nos chaman», exponlles unha das encargadas.