Pontevedra celebra a gran festa da cultura galega

Elena Larriba García
E. Larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Culturgal terá este ano unha nova distribución espacial dos stands para mellorar a visibilidade dos produtos e a circulación do público
Culturgal terá este ano unha nova distribución espacial dos stands para mellorar a visibilidade dos produtos e a circulación do público . ramón leiro< / span>

Oitenta expositores e entidades encherán a partir de mañá a feira de Culturgal con 150 propostas e actividades

03 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Comezou a conta atrás para o arranque de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia, que durante tres días, desde mañá venres ate o domingo, ofrecerá case 150 actividades dirixidas a un público do máis diverso: infantil, familiar, interesado en propostas concretas e profesional...

A palabra será o eixo transversal de toda a programación, repartida nun cento de stands e outros espazos de divulgación das distintas expresións artísticas, literatura, escena, música, cine, arte e as novas tecnoloxías.

Esta é a oitava edición do maior escaparate da cultura galega, no que se dan cita anualmente ao redor de 15.000 persoas e que desta volta promete ser a máis participativa de todas as celebradas ata agora, ata o punto de que o recinto feiral de Pontevedra empeza a quedarse pequeno ante a grande demanda de expositores, que este ano rexistrou un incremento do 25 %, cun total de 81 entidades culturais presentes.

Por ese motivo, e para incrementar a visibilidade de todos os produtos que se van expoñer, a feira estreará un novo deseño de distribución espacial, cun recorrido circular con pequenas illas para facilitar o acceso e tránsito do público sen as aglomeracións que se formaban antes no corredor central e sen as interferencias acústicas entre espectáculos e presentacións.

O compromiso dos organizadores é manter altos estándares de calidade e para elo o papel do público e a súa resposta positiva ante a introdución da entrada de pago na edición do 2014 é síntoma do futuro da feira. Nesta edición do 2015 mantéñense os prezos populares de acceso: 2 euros para adultos e 1 euro para menores de 3 a 12 anos.

Venres

Conto do Polbo Octavio. Cos seus ocorrentes diálogos e seguindo as ilustracións do conto de Francesca Chessa, publicado por Oqo Editora, os participantes aprenderán sobre a ecoloxía dos cefalópodos coa científica Luísa Martínez e varios monicreques.

Encontro con Formig4s.Encontro cos autores da serie Formig4s, de Xerais, Pere Tobaruela e Andrés Mexide. Idade recomendada entre 10 e 12 anos. Actividade concertada cos centros escolares interesados.

A cociñeira defunta. A escritora Ledicia Costas falará cos nenos do seu libro Escarlatina, a cociñeira defunta, unha aventura con mortos e vivos e cun receitario de medo, con propostas doadas, divertidas e terroríficas.

Sábado

O recuncho do ebook.Culturgal dedicará un espazo ao libro electrónico galego coa participación de varias editoriais e as novidades do sector neste formato.

Sesión científica co CSIC.

Unha sesión matutina dobre do CISC Galicia con propostas de diversión científica. Mini-obradorio ao redor da neurociencia, matemáticas, astronomía, física e ciencias do mar.

A Gramola Gominola. Concerto de Sonárbore. Un traballo novidoso no que se fai un repaso ao amplo abano de estilos musicais, desde o rock ao reggae, pasando polo blues, o ska, o heavy metal e mesmo o punk.

Recital Poético. A boca da terra de Manuel Rivas (Xerais) será obxecto dun recital poético. Poesía de natureza insurxente, ofrecida ao público con recitado de autor.

domingo

Coro Cantigas da Terra.Voces, instrumentos, baile e teatro autóctonos. Un paisaxe emocional e un traballo de recuperación cultural para un coro centenario, fundado en A Coruña.

Encontro de novela negra. Conducido pola xornalista Montse Dopico, o encontro coa novela negra conta coa participación de Héctor Carré, Antonio Tizón, Diego Ameixeiras e Xaquín Fernández Leiceaga.

Miniserie «Vento Ferido». Proxecto audiovisual que recolle os relatos do libro de Carlos Casares do mesmo título. Con Miguel Grandío, director, Sara Varela, produtora, Nerea Sarmiento, guionista, e Paulino Pérez, produtor executivo.

Xornadas Firma e Filme. Posta en valor de dous eidos creativos da cultura galegas, o das imaxes e o das letras, a través dun proxecto conxunto que contribúa á adaptación das obras literarias ao audiovisual.

Tercer Maratón de Webseries Culturgal

Sábado?? 16 horas

O programa de Culturgal dedicado ao sector do audiovisual inclúe numerosas presentacións e proxeccións de documentais, longametraxes e miniseries, acompañadas de coloquios que se desenvolverán ao longo dos tres días que dura a feira.

Entre as propostas figura o terceiro Maratón de Webseries Culturgal, que arrancará o sábado ás catro da tarde e no que se exhibirán un total de seis títulos. O primeiro será PIB, con Héctor Casas e Alfonso Míguez, coprodutores, guionistas e protagonistas, e Alba María Gómez, directora de arte. Seguiranlle Gafas e pallado, dirixida por Perico González Balado, El Método sueco, Haters, de Miguel Barros, Pink, tamén de Miguel Barros, e Dalle Jas, de Tegüi Sagüillo.

En Culturgal tamén se proxectará a longametraxe Las altas presiones, de Ángel Santos, producida por Matriuska.