A teoría da relatividade nas orixes dunha botella de lunares

Consello Reitor de Paco & Lola

PONTEVEDRA CIUDAD

29 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia? ? A historia é caprichosa. Contan estes días os medios de comunicación que un 25 de novembro de 1915 o físico Albert Einstein presentaba a súa famosa Teoría da Relatividade Xeral á extinta Academia Prusiana de Ciencias. Dez anos antes, no 1905, postulaba na Teoría da Relatividade Especial a famosa fórmula que relaciona a masa coa enerxía: E = mc2 .

Cen anos despois, no 2005, aquelas máis de 450 familias, que nos reuníamos no Salón de Actos do Colexio Salesianos de Castrelo, pouco sabíamos de efemérides que nos asociaban co prestixioso físico. Se ben é certo que, salvando as distancias, hai certos parecidos: a dose mínima de sensata loucura que nos fai aos seres humanos asumir unha masa de riscos innecesarios para ir un chisco máis alá do que temos xusto fronte nós e a paixón necesaria para, nos momentos de fraqueza, ter a enerxía suficiente que nos permita afrontar os escollos do camiño escollido.

Por aquelas datas, un día como o 24 de novembro de 2005, rexistrábase ante notario o nome dunha nova ilusión, o nome dun novo barco que se botaba sen coñecer porto de destino, o nome dunha suma de esforzos, o nome dun conxunto de homes e mulleres, de pais e fillos, de avós e netos, que moitos deles sen coñecerse tomaron a decisión de subirse todos xuntos a unha nave cuxo rumbo era unha carta por escribir. Todo iso, e moito máis, aglutinouse ao redor dun simple nome: Cooperativa Vitivinícola Arousana S.C.G., hoxe máis coñecida como Adegas e Viñedos Paco & Lola.

Hoxe, dez anos despois, tras centos de reunións, incontables viaxes, podas, parreas, abonados, tratamentos, mildius, colas de vendima, amañeceres, solpores, choivas, nove colleitas, a comercialización dunha ducia de marcas, outra ducia de apaixonadas discusións, que tamén as hai! bágoas, alegrías ... Hoxe, dez anos despois, aqueles que nos subimos a aquel barco sentimos o orgullo de pertencer a un proxecto que trata de consolidarse paseniño, día a día, e que vai máis alá de cada un de nós e das nosas fronteiras.

Proxecto que permite que uvas albariñas bicadas polas brisas das rías de Pontevedra e de Arousa, polos ríos Umia, Tombelo, da Chanca, e douradas por ese impoñente sol dos meses de verán, sexan saboreadas en forma de lunares por beizos agradecidos de cidades de máis de 40 países. Cidades que van dende Os Ánxeles a Nova Iork, de Quebec á San Paulo, de Dublín á Moscova, de Estocolmo a Istambul, de Dubai a Toquio, de Bilbao a Tenerife, sen esquecerse de ningún dos beizos das nosas aldeas nin do resto de pobos e cidades galegas.

Este proxecto dá emprego directo a máis de 15 persoas, a moitos máis de forma indirecta, á outras empresas da comarca e de fóra. Pero o máis fermoso desta cooperativa é a distribución da riqueza xerada. Riqueza conquerida palmo a palmo ao redor de todo o mundo que redunda na mellora da calidade de vida das persoas que temos a sorte de vivir nun dos paraísos máis fermosos da terra.

Moitos son os premios que nos acompañaron neste curto percorrido. Salientar a importancia dos primeiros que se obtiveron, como a medalla de prata no ano 2009 en Os Ánxeles polo deseño da marca Paco & Lola. Premio non menor se nos paramos a pensar que se competía con deseñadores como Frank Gehry e Roberto Cavalli. No seguinte ano, no mesmo concurso, o noso Licor de Framboesa acadou tres medallas de ouro. Despois deses primeiros recoñecementos, viñeron moitos máis que premiaban a calidade dos nosos albariños, pero imos quedarnos cos últimos: os acadados este ano 2015 coa colleita 2014 de Paco & Lola: catro medallas de ouro en catro dos cinco concursos internacionais máis importantes. Pero para nós os galardóns máis sentidos son os recibidos na casa, como os terceiros premios obtidos na pasada Festa do Viño Albariño de Cambados e na edición do ano 2013.

Hoxe, é un día para celebrar, un día para botar a vista atrás e ver como se salvaron moitas das rochas do camiño percorrido, un día para renovar ilusións e poñer novas metas no longo camiño que queda por diante. Por todo iso, hoxe ? hoxe é un día para sentirnos todos moi orgullosos. Tamén é o día para lembrarse daqueles que comezaron esta singradura e o infortunio quixo que non nos poidan acompañar.

Comezamos mencionando a unha persoa de talla internacional, rematamos parafraseando a un poeta non menos recoñecido, pero máis próximo á nosa terra, a Álvaro Cunqueiro: «Por mil colleitas máis para a nosa adega!» e porque non dicilo ? e tamén para tódalas adegas da nosa denominación de orixe Rías Baixas.

Feliz décimo aniversario a tódalas familias que compoñemos Adegas e Viñedos Paco & Lola.