«Son máis as cousas que nos unen que as que nos dividen ás tres federacións»

PONTEVEDRA CIUDAD

CAPOTILLO

Pontevedra liderará Cogave no 2016 e o obxectivo é que sexa o paraugas da reunificación veciñal

29 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan Manuel Loureiro Taibo, presidente da Asociación de Veciños San Xosé de Campolongo lidera tamén desde xullo a Federación Castelao, cargo no que substituíu a Verísimo Pazos, que agora ocupa a vicepresidencia. É funcionario da Xunta e a súa aterraxe á fronte do colectivo ven marcada por reivindicacións históricas, como a defensa da sanidade pública ou a marcha de Ence da ría, das que sempre fixo bandeira. A participación cidadá real e efectiva no Concello como Administración máis próxima é outro dos seus retos herdados, igual que a unión de todo o movemento veciñal, dividido dende hai anos en tres agrupacións ata hoxe irreconciliables a pesar das coincidencias nos asuntos de maior calado.

-¿Cantos anos leva no movemento veciñal?

-Vinculado á Asociación de Campolongo, como veciño de Fernández Ladreda, levo case unha década, primeiro con achegas persoais e logo formando parte da directiva. Da Federación Castelao xa era secretario dende o 2013.

-Entón isto non lle pilla de novas. ¿Como viu a evolución do movemento veciñal? ¿Rebrotou coa crise?

-É certo que o movemento veciñal estivo un pouco aletargado no senso de que a poboación vai sendo máis vella e co estado do benestar nos acomodados un pouco, a pesar de que existían moitísimas carencias e moitísimas pelexas, incluso nesa etapa boiante. Coa crise, que os cidadáns fomos os primeiros en notar no peto, xurdiron novas necesidades e problemas sociais e rebrotou o movemento. Houbo tres alicerces fundamentais nese rebrote, que foron o benestar social, a sanidade e a educación, pola perda de dereitos.

-¿E souberon adaptarse as novas demandas socias?

-Nós entendemos que si nos adaptamos. Houbo unha época na que pelexabamos por levar as farolas ata a porta da casa e agora o facemos por ter un médico, porque os nosos fillos teñan becas, por ter para comer... Por iso non son boas as maiorías absolutas, sexan da cor política que sexan, porque nos está pasando factura con todas esas historias. Sempre e mellor sentarse nunha mesa a dialogar con dúas persoas que cunha, porque vaiche querer impoñer o que ela pensa.

-Nesta cidade a Federación Castelao chegou a ter moita forza. ¿A división en tres agrupacións trouxo a desactivación?

-Aquela ruptura foi por circunstancias e cuestións menores que naquela época podían ter senso, pero hoxe non o teñen. E, se te fixas, non estamos tan divididos, ao contrario. Na defensa da sanidade, da educación, do emprego estamos todos, Castelao, Teucro e Boa Vila, con máis o menos xente na rúa. Hai plataformas nas que estamos todos. Non é certo que haxa tanta división.

-¿Cre posible entón o reto que se marcou da reunificación?

-Penso que si, porque hai moitísimas máis cousas que nos unen das que nos separan, e neso estamos traballando. A Pontevedra correspóndelle no 2016 a presidencia da Cogave, a Confederación Galega de Asociacións Veciñais, que é rotativa. Iso son 400.000 veciños e veciñas de toda Galicia que están asociados. Esperamos que esa imaxe que vai ter a Cogave en Pontevedra sirva para unir as tres federacións, que sexa o paraugas que nos ampare nesa posible negociación.

-¿Refundación o reunificación baixo o nome de Castelao?

-Nós agrupamos a 18 asociacións, Teucro ten sete ou oito e Boa Vila, tres, todas cos mesmos fins, que é defender os dereitos dos veciños e fiscalizar o que poidamos fiscalizar. Castelao segue a ser a maioritaria e o que non estamos é por crear unha nova federación.

-¿Podería chamarse Castelao- Teucro- Boa Vila?

-Podería ser, sen ningún problema, pero iso sería a asemblea a que tería que decidilo.

-¿Quen de Castelao vai presidir a Cogave en Pontevedra?

-É unha cuestión que aínda non falamos, pero seguramente sería bo que non houbera coincidencia entre a presidencia de Castelao e de Cogave.

-¿Que lle diría a quen dubida da representatividade dos dirixentes veciñais? ¿Cantos veciños están realmente asociados?

-Non entendo esa dúbida. Castelao debe andar agora mesmo por 16.000 ou 17.000 persoas asociadas. Depende de como fagas o cómputo. Hai asociacións que teñen socios de xeito individual, outras por unidade familiar e Eduardo Pondal , por exemplo, ten asociados colectivos por comunidades de veciños de edificios, e nese barrio hai cincocentos e pico. Nas parroquias, como Campañó ou Ponte Sampaio, tamén van por vivendas. Non hai motivo para dubidar desa representatividade que teñen as asociación ou a federación. Tamén eu podería dubidar da representación de certos partidos políticos que toman decisións nas súas executivas sen preguntarlle as bases. Nós somos asemblearios.

-¿Na loita contra Ence teñen ese respaldo da veciñanza ou hai un certo seguidismo do Bloque?

-Nos sentimos totalmente apoiados pola veciñanza e non hai seguidismo para nada. Dígoche máis, a persoa que está falando, non é do BNG, non milita, nin ten nada que ver co Bloque. Fai uns días paroume un amigo e deume parabéns polo tema de Ence. Me dixo que parece mentira que a xente non vexa que o futuro desa fábrica non está na ría, senón fora da ría.

-¿De feito foi mais belixerante que Lores ao apostar pola manifestación na rúa para frear a prórroga?

-Lores nese caso foi un pouco máis suave porque é político e ten que capear noutras historias. Nos consideramos que non se pode facer unha lei de golpe e porrazo para solucionarlle un problema a unha serie de empresas. E non pode ser que un goberno en funcións vaia a aprobar esa prórroga. Se Ence sae de aí, Pontevedra tería moitísimo máis futuro, pero moitísimo máis.

-Outra das reivindicacións nas que están na primeira liña e na sanidade. ¿Castelao é SOS Sanidade Publica?

-SOS Sanidade Pública se fundou por iniciativa da Federación Castelao. As reunións se fan aquí, na nosa sede, e nesa plataforma están médicos e demais profesionais sanitarios, sindicatos, partidos políticos e todas as federacións veciñais. Todos somos SOS e a portavocía a ten Verísimo Pazos, que leva pelexando por isto desde o principio e segue facéndoo como vicepresidente de Castelao e de Cogave, que tamén está en SOS Sanidade Galicia.

-Outro reto máis vello que a tose e a participación cidadá no Concello. ¿Irá desta a actualización do regulamento?

-O regulamento de 1999 está en vigor, outra cousa é que queiran facelo real. Xa llo dixemos ao Concello por activa e por pasiva. Se cadra hai que adaptalo a algunha lei actual, pero non é de recibo que esteamos xa case en decembro e que desde setembro, que foi cando tivemos a xuntanza, non saibamos nada.

-¿Os consellos parroquias restáronlles protagonismo?

-Non, para nada. Nós entendemos que exista esa figura dos consellos, dos cales formamos parte, e onde non os hai teñen que ser as asociacións veciñais e federacións ás que chamen. Os consellos poden ser efectivos para determinadas cousas, pero hai para outro tipo de temas que son do movemento veciñal e aí é onde temos que entrar nós.

-Tamén seguen a reivindicar a capitalidade ¿Non é algo un pouco trasnoitado?

- Non. Cando asumín a presidencia da Federación saíu o tema da Cámara de Comercio e non estamos de acordo en que desapareza para darlle o poder de decisión a Vigo. Seguen limando a Pontevedra e estou convencidísimo de que hai que seguir defendendo a capitalidade.