«O peor sen dúbida desta etapa no centro foron os recortes»

Deixa o cargo tras quince meses ao fronte da facultade para centrarse na política


Foi a primeira muller en dirixir a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, onde se imparten os graos de Comunicación Audiovisual, Publicidade e Relacións Públicas e Dirección e Xestión Pública. A docente Emma Torres Romay (O Grove, 1978) deixará o cargo nas vindeiras semanas ao non poder compatibilizar a xestión deste centro académico da Universidade de Vigo co seu labor como concelleira no equipo de goberno do PSOE do Grove.

-A decisión da renuncia está tomada, pero ¿cando a vai formalizar?

-En novembro, supoño que na segunda semana.

-¿Foi unha decisión difícil de tomar aínda que seguirá como docente na facultade?

-Pois si, levo doce anos no centro, sempre vinculada á xestión. O nivel de esixencia, de dedicación e de tempo é moito e non podo con todo. Non son unha superwoman e non pasa nada por recoñecelo. Claro que costou moito tomar a decisión, pero cun goberno en minoría no Concello do Grove fai falta tempo.

-Vostede non está liberada, non ten soldo do Concello. ¿Haberá quen non entenda que renuncie ao complemento de decana?

-Non é unha cuestión económica, senón de tempo. Cando estou en algo gústame estar ao 100 %. Seguirei como docente e de feito terei máis clases que agora e igual máis traballo, porque cando eres decano tes menos clases.

-Asumiu o cargo de decana o 10 de xullo do 2014. Serán quince meses ao fronte da facultade. ¿Como define esta etapa que vai pechar?

-Xa dixen que foi unha etapa breve, pero intensa. Coñezo ben o centro e foi unha fase quizais máis tranquila comparada con outros tempos da facultade, como os comezos ou a adaptación ao plan Bolonia. Vela agora é un orgullo. É un centro maduro que cumpriu vinte anos e está ben posicionado para afrontar o futuro, iso é o mellor desta etapa.

-¿E o peor do seu paso polo decanato?

-O peor sen dúbida son os recortes. Xestionar e conseguir que as cousas funcionen sen recursos é moi complicado. Pero quizáis neses tempos é aínda máis importante a defensa e o valor do ensino público a todos os niveis.

-Vaise cando está a piques de iniciar a súa andaina o Campus Crea, o proxecto de especialización do campus de Pontevedra. ¿Non lle dá pena deixalo precisamente agora?

-Claro. A facultade está chamada a ter un papel moi importante no desenvolvemento do Campus Crea, pero non podía seguir.

-¿Houbo quen non entendera a súa decisión? A política non está moi ben vista pola xente da rúa...

-Hai de todo. Pero no Grove hai un grupo de xente con ganas de facer ben as cousas. O importante foi o apoio da miña familia, que sempre está aí.

-¿Como entrou na política?

-Levo bastante tempo. É a primeira vez que teño responsabilidades de goberno e sabía que iso podía pasar nas eleccións do 24 de maio, pero antes estiven catro anos como concelleira da oposición e esta era a terceira vez que ía nunha lista electoral.

-É primeira tenente de alcalde e concelleira de Turismo, Cultura e Comercio. ¿Como valora estes primeiros meses no Concello?

-De moitísimo traballo. Agotadores, diría eu, non chega o tempo para nada. O feito de estar nun goberno en minoría obriga a duplicar esforzos e tempo. Pero estou moi ilusionada e con ganas de facer cousas.

-Supoño que a súa experiencia como profesora do departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade lle servirá para aplicar á política municipal...

-Claro, son uns coñecementos aplicables, especialmente en Turismo, porque no Concello hai que facer plans de promoción para O Grove. A comunicación é cada vez máis importante.

-O actual goberno do Grove é monocolor. Pero facer política no seu municipio nunca foi doado, ¿non?

-[Risas] A verdade é que non.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«O peor sen dúbida desta etapa no centro foron os recortes»