«O modelo de cidade de Pontevedra pulará polo turismo e a economía local»

PONTEVEDRA CIUDAD

Anabel Gulías ten 34 anos e é unha das novas caras do goberno do Bloque no Concello<span lang= es-es >. </span>
Anabel Gulías ten 34 anos e é unha das novas caras do goberno do Bloque no Concello. capotillo< / span>

A nova concelleira de Promoción Económica e Turismo anuncia un claro cambio de enfoque das áreas que no anterior mandato levaron os socialistas

21 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Anabel Gulías Torreiro (Forcarei, 1981) é unha das caras novas do goberno local. O alcalde Fernández Lores acaba de confiarlle as áreas de Promoción Económica e Turismo, que nos últimos anos xestionaron os socialistas. Estréase ademais na corporación como segunda tenente de alcalde e vicevoceira do goberno do BNG e moitos a identifican coa renovación. É licenciada en Ciencias Políticas e ten xuventude e experiencia. Foi candidata á alcaldía e concelleira en Forcarei, municipio ao que lle unen lazos familiares, aínda que reside desde nena en Pontevedra.

-Foi na lista xusto detrás de Lores e fixéronse moitas lecturas do seu fichaxe. ¿Representa ou non o relevo?

-Que vamos estar a pensar nun relevo, se estamos comezando un mandato. Fixéronse moitísimas lecturas, as veces antagónicas. Sempre pasa. Integreime nun equipo cun alcalde ao que lle sobra enerxía, que cada vez que te ve estache dicindo que mires cincuenta cousas para seguir ampliando proxectos con novas ideas. Relevo de que.... Creo que nos vai dar el o relevo a todos. ¡Alcalde para rato! Entendo que o que buscaban eran caras novas, ideas novas e tanto Alberte Oubiña como eu dabamos ese perfil.

- Como din por aquí, ¿de quen vén sendo Anabel Gulías e cal é a súa relación con Pontevedra?

-A miña familia por parte de pai é de Forcarei, por parte de nai de Cerdedo, e cando eu tiña seis anos vimos vivir a Pontevedra. Tivemos dous negocios de hostalaría: un bar na Virxe do Camiño, que foi onde crecín xogando na rúa, e unha cafetería en Eduardo Pondal. Son dunha familia de taberneiros, de traballadores de toda a vida, sobre todo a miña nai, que é incansable e unha das persoas na que eu me reflexo.

-¿E como empezou a súa militancia política?

-Unha etapa moi importante na miña vida foi o meu paso polo Instituto Torrente Ballester. Alí ensináronme a pensar por min mesma, a ter conciencia crítica. Despois vaste decantando, vas tendo inquedanzas, e descubrín a carreira de Ciencias Políticas, que me apaixona, non podía ter feito outra. Na universidade atopei a militancia. Tiña vinte anos cando empecei a traballar no Bloque, presenteime tres veces ás eleccións en Forcarei, dúas como candidata á alcaldía, e no 2011 saín concelleira.

-Vaia cambio dun concello a outro ¿non?

-Obviamente, son concellos moi diferentes, tanto en recursos, como nas áreas, coma na influencia. Pero teño que dicir que moi ben, tanto en Forcarei como en Pontevedra atopei nos políticos e funcionarios xente moi próxima que me axudaron a situarme o mellor posible.

-Vostede vai iniciar o mandato sen cobrar, aínda que na práctica vai dedicarse en exclusiva ao Concello. ¿Cal é a súa situación laboral?

-Son desempregada. Efectivamente vou traballar a tempo completo no Concello e cobrarei as asistencias a plenos e comisións. Neste mandato fíxose un esforzo por reducir as dedicacións exclusivas, por racionalizar, algo que xa sabiamos antes de entrar.

-De aquí a un ano pode que sexa remunerada a súa dedicación.

-Non sei, pode que si, pode que non. Non me preocupa iso agora.

-¿As áreas que lle encomendaron lle satisfán o tiña outras preferencias?

-Metéronme moito medo porque entendo que son ilusionantes e con moita responsabilidade. A área de promoción da cidade é para min o maior reto persoal e profesional co que me enfronto. Claro que me gusta levalas e teño moitas ideas. O turismo, con este novo enfoque que lle queremos dar de crear sinerxías, francamente apaixóname.

-¿Quen guiará os seus primeiros pasos no equipo de goberno?

-No meu ránking teño un concelleiro preferido cada día. Hoxe vai ser César Mosquera, outro día cambio a Rai, logo adiántalle Bará ou Anxos, ou Carme ou Legísima... Todos teñen unha parte na que te podes mirar porque todos son moi bos e moi boas no que fan. Fascíname a tranquilidade e a serenidade que ten Raimundo; me parece tremenda a capacidade de traballo de Anxos; impresionantes as ideas de Bará; o carisma de Miguel Lores; a análise política rigorosa de Carmen da Silva ou de Mosquera; a facilidade de encontrarse con todos os actores de Carmen Fouces ou a capacidade que ten de non xerar ningún conflito Vicente Legísima. Hai días que a miña preferida é Ángeles, de prensa. Este é un equipo e se hai un tema que controla especialmente un, digamos que ese te marca un pouquiño máis a pauta.

-¿A súa concellería de Promoción Económica e Turismo vaise parecer en algo á que xestionaron os socialistas?

-Hai un cambio de enfoque claro que é intentar vincular a imaxe tan positiva que ten Pontevedra co turismo, fundamentalmente, e tamén como enganche para a promoción económica, xeración de novos nichos de emprego e novas oportunidades para todos e todas. Probablemente, nese senso haxa cambios. A miña idea é aproveitar as sinerxías co mundo da cultura, do deporte, con todo.

-¿O modelo de cidade serve para todo? ¿Tamén para pular políticas activas de reactivación económica?

-Eu agardo que si. Se todas as cidades que teñen unha percepción positiva o aproveitan, como vai ser Pontevedra menos. ¿O feito de que Compostela teña unha catedral e un Xacobeo non pula economicamente pola cidade? Pois se Pontevedra é un referente en urbanismo, un modelo de cidade de calidade, deberá pular polo turismo e a economía local.

-¿Con que accións concretas pensa loitar contra o desemprego?

-O tema do desemprego non é un problema particular de Pontevedra, é global, e impulsar políticas de emprego activo dende os concellos ten limitacións que o BNG non escolleu. Son outros partidos que demandan plans de emprego os que lles restrinxiron competencias. Agora ben, claro que vai haber accións concretas, de formación, de capacitación, de asesoramento, de canalización de todos os recursos posibles. O emprego non vai só unido aos asentamentos industriais. Ter aquí un campionato de Triatlón tamén xera emprego.

-Pontevedra tiña un calendario de feiras, ¿vaise manter?

-Xa pedín informes das feiras que quedan por facer. O valoraremos co equipo de traballo e co resto do equipo de goberno en conxunto. Haberá que ver cales son as que dan rendibilidade á cidade e poñer todo o que estea nas nosas mans para que sigan. E se hai algunha mellor, trataremos de atraela tamén con novas ideas.

-¿Que é para vostede a marca Pontevedra?

-Pontevedra para min é máis que un modelo de cidade, é a cidade modelo. Non hai sitio no que quixese vivir que non sexa aquí.

-Chega o verán e dixéronme que é moi festivaleira. ¿Rock, pop?

-Apaixóname a música independente. Levo un momento indie, pop, electrónico, un pouco raro. A semana pasada estiven en Porto no Primavera Sound escoitando a Death Cab for Cutie, un dos meus grupos de referencia. Damien Rice, tamén. Gústame moverme polos festivais e, se podo, o próximo será o Festival do Norte e logo PortAmérica. Se fose un verán normal iría a todos, pero hai moito que traballar.

Anabel Gulías torreiro concelleira de promoción económica e turismo

«Na Universidade atopei a militancia e tiña vinte anos cando empecei a traballar no BNG»

«A promoción da cidade é o maior reto persoal e profesional ao que me enfronto»

«Para min Pontevedra é máis que un modelo de cidade, é a cidade modelo»