«O galego é un latín moderno»

PONTEVEDRA CIUDAD

Un profesor do IES Sánchez Cantón busca familias léxicas plurilingües

04 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Luís Janeiro Espiñeiro (Bugarín, Cerdedo, 1962) di que a súa afección por «xuntar palabras» vén de sempre. Este profesor de galego do IES Sánchez Cantón de Pontevedra ten en marcha un proxecto co que só busca espertar a curiosidade, primeiro dos seus alumnos e despois de todo aquel que sinta interese. Só verbas é como lle chama. É un traballo inédito que leva xa un cento de entradas e que non ten fin.

«O meu primeiro lector foi Anxo González Guerra», comenta Xosé Luis no paraninfo do instituto. Gónzalez Guerra, recén xubilado, é un referente no ensino do galego para moitas xeracións de pontevedreses que pasaron polas aulas do Sánchez Cantón. «O único que fago é xuntar palabras. As palabras están aí, eu procuro buscar relacións de afinidade semántica, léxica ou morfolóxica. Sempre se pensa en familias léxicas dentro dunha mesma lingua, e eu procurei buscar familias léxicas plurilingües», explica Xosé Luís.

Este profesor, que tamén dá clases como asociado nun mestrado da Facultade de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo, sostén que a lingua é unha ponte para achegar coñecemento. E a galega ten moitas potencialidades. Tantas que el di que «o galego é un latín moderno». «A gramática pode resultar aburrida, pero soltas unha referencia deste tipo na clase e captas a súa atención». O autor deixa claro que Só verbas non é un dicionario nin pretende selo. Tampouco un traballo científico. Engade que é «unha escolma que seguramente terá moitos erros». «Aínda que non somos filólogos, todos somos lingüistas innatos... Digamos que é un enredo, unha obra que non existe e que me gustaría ler», aclara.

Nese camiño que percorre en cada entrada, partindo dunha forma galega, Xosé Luís busca sempre dar vida a palabras que están «en perigo de reemprazamento ou de extinción». «Caen no esquecemento e non o merecen», di. Como exemplo pon mol, unha palabra que el escoitoulle aos seus avós. «Mol significa suave ou brando, pero está en desuso. Moitas veces pasa porque se adapta a forma castelá ou porque teñen un sinónimo máis coincidente co castelán», relata.

Como defensor das linguas, di que cada palabra que se perde é un matiz que se perde. «Van ligadas ao mundo, ademais do que teñen de herdanza cultural e facultade cognitiva». ¿E como reaccionan os seus alumnos a este xogo de palabras? En xeral, moi ben. As anécdotas son moitas. «Escoitas, ??profe, e que nos deixas flasheados??. Así que haberá que incorporar flash».

Entre esas cen entradas figura xiringa. Conta o profesor que de orixe grega (syringis) pronto foi latinizada en siringa. Orixinariamente tiña os significados de «cana» e de «frauta», e o vocablo galego ten moitas concomitancias formais co catalán, éuskaro, italiano, francés ou inglés.